A entrega de diplomas do curso serviu para dar a coñecer novas iniciativas de seis campos diferentes, coa innovación como eixe común.
O programa de emprendemento de Tecnópole, Parque Tecnolóxico de Galiza, rematou esta semana coa entrega de diplomas. Foron, en total, 12 plans de negocio e seis empresas constituídas. Durante todo o ano, 12 persoas participaron no programa de formación en creación de empresas desenvolvido xunto coa Escola de Organización Industrial (EOI).
A metade dos plans de negocio que saíron do programa materializáronse xa coa constitución de empresas. Os sectores nos que operarán serán a consultoría, a I+D+i aplicada ao cultivo de plantas, as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC), a enxeñaría agroforestal, a formación e a comercialización de produtos lácteos.
O proceso comezou nos primeiros meses de 2008 co período de difusión da oferta formativa, especializada e gratuíta, para emprendedores de todo o país con ideas de base tecnolóxica e compoñente innovador. Despois, a principios de maio, 23 alumnos accederon ao programa, que completaron con éxito en decembro máis da metade dos participantes.
Os proxectos contemplaban innovacións sobre produtos e procesos, sobre todo no que se refire á apertura de novas canles de venda e de distribución. As accións formativas prestáronlle unha atención especial ás novas tecnoloxías e tiveron partes teóricas e prácticas, ao amparo do programa Redepyme.