"Unha empresa que obtén beneficios e recibe axudas públicas non pode destruír empregos", quéixanse os traballadores.
Os salarios da empresa leiteira están conxelados desde hai dous anos
Os integrantes do comité de empresa de Leyma e delegados de UXT e CCOO denunciaron ante a directora xeral en funcións de Relacións Laborais da Consellaría de Traballo, Pilar Cancela, o recorte de máis dun 30% do emprego na factoría da firma en Arteixo. A empresa, que pertence ao propietario de Leche Río, Xesús Lence, foi adquirida polo industrial lucense en 2005.
Segundo a presidenta do comité de empresa, Gloria Queiruga, a empresa contaba con 137 traballadores hai catro anos fronte aos 95 actuais. "Unha empresa que obtén beneficios e recibe axudas públicas non pode destruír empregos", sinalou.
Neste sentido criticaron a situación precaria que se vive en Leyma, como afirmaron os seus representantes, onde está sen negociar o convenio laboral e conxelados os salarios dende 2007. "A situación na planta é moi precaria e negociar o convenio é como darse contra un muro", engadiu Queiruga.
A empresa aumentou a produción nos últimos anos, como recordaron, unha circunstancia "moi positiva" a xuízo de Queiruga, quen, non obstante, reprochou que se reduza o equipo ao considerar que aumenta a "sobrecarga" dos traballadores e aumenta o risco de accidente na planta. Representantes do comité de empresa e os dous sindicatos apuntaron que a súa situación se agravou nos últimos tempos co despedimento dun total de 10 traballadores dende o pasado outubro.