Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Procedentes dunha fábrica de Ferroatlántica

Preocupación en Carballo polas toneladas de escouras "potencialmente contaminantes"

Os ecoloxistas fanse eco das queixas veciñais sobre o lugar de Brea e advirten de que "abusos" similares prodúcense "sistematicamente" no país.

Redacción - 12:40 13/03/2009
Carballo, Casa do Concello

Carballo, Casa do Concello

"De seren confirmadas as sospeitas dos habitantes, polas que o depósito destas escouras foi soterrado en lugar de retirado, estaríase incumprindo a lexislación ambiental vixente e seguirían producíndose augas de escorrentía contaminadas". Así denuncian desde o colectivo Verdegaia o que está acontecendo coas escouras da fábrica de carburos metálicos de Ferroatlántica, do Grupo Villar Mir.

Os ecoloxistas entenden que existe constatación por parte do Seprona, de Augas de Galicia, do Concello de Carballo e da Consellaría de Medio Ambiente de "graves irregularidades no lugar de Brea" e sinalan como responsábeis á empresa a quen Ferroatlántica lle encomendou a xestión dos residuos do seu proceso de produción". A asociación apela á administración para dalle "solución" ás escouras depositadas e aclarar o seu destino final de xeito que se garanta a protección de "cidadanía, natureza e territorio".

Hai xa cinco anos que a Xunta detectara a existencia de Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (HAPs) en escouras derivadas do proceso de produción de Ferroatlántica, no Concello de Cee. Trátase de substancias consideradas "perigosas" para a saúde humana polos seus posíbeis efectos canceríxenos. O depósito destes restos na canteira do lugar de Brea, en Carballo, deu lugar a unha orde de retirada do Rexistro de Residuos da Consellaría de Medio Ambiente, onde se advirte do "vertido non autorizado de augas residuais ao dominio público hidráulico".


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: