Até o domingo pasarán pola vila ferrolterrá os maiores expertos de todo o mundo neste peculiar instrumento.
O Encontro coa Zanfona Contemporánea cumpre un lustro, consolidado como referente deste instrumento milenario. En anos anteriores achegáronse até Narón algúns dos mellores tocadores de Europa: Valentin Clastrier, Gilles Chabenat, Marc Egea, ou os galegos Anxo Lois Pintos e Óscar Fernández. Nesta edición o protagonista é o lugar que máis zanfoneiros concentra, dende os máis vangardistas até os que practican a máis viva tradición: o centro de Francia. O mestre convidado é un deses novos valores: Grégory Jolivet, que ofrecerá un curso durante toda a fin de semana.
En canto ao programa de actuacións, a noite do venres o Auditorio de Narón acollerá o concerto do propio Jolivet, que compartirá escenario con A Xarnege, quinteto transfronteirizo de Euskadi e Gascuña. Antes, o venres pola tarde na Feira do Trede, en Sedes, o dúo Sobre Rodas (Luís Correa "O Caruncho" e Carlos do Viso) serán os responsábeis de que a zanfona volva a escoitarse na feira, na romaría.
Durante toda a fin de semana continuará o curso de Jolivet, e o sábado á noite os músicos que queiran poderá subir ao 'palco aberto' para demostrar todo o que se pode facer cunha zanfona.
Consulta aquí o programa completo