O secretario xeral saínte reclamou que no canto de "parches" as administracións aposten por medidas de máis longo alcance de carácter social e protección do emprego.
Sobre a necesidade de diálogo social e de acordos en Galiza e no Estado que vaian máis aló dos "parches" insistiu este xoves Xan María Castro, secretario xeral de CCOO-Galicia, na súa intervención no congreso de onde sairá o seu relevo á fronte da formación sindical. Castro solicitou medidas de curto, medio e longo alcance "tanto de carácter social como sobre todo de protección do emprego". Recordou ao respecto a preocupante evolución das cifras do paro, con máis de 200 mil persoas en desemprego en Galiza e por riba dos tres millóns e medio no conxunto do Estado. O até o de agora líder de CCOO en Galiza falou tamén entre outras claves da importancia do fortalecemento dos servizos públicos de emprego, os servizos sociais e as políticas industriais para mellorar a competitividade.
Segundo a reflexión de Xan María Castro, o sindicato que lidera advertiu desde hai anos da urxencia de "mudar o modelo produtivo" e reforzar a rede de protección social. Na súa opinión, os acordos conseguidos en Galiza nos últimos anos foron positivos, malia que, laiouse, no caso do Acordo pola Competitividade, chegou "tarde" demais. Ás portas de deixar o cargo, aproveitou para recordar a participación sindical no ciclo de mobilizacións dos últimos anos, subliñando a importancia desa implicación no "cambio social e político" producido en 2005. Cara ao futuro inmediato chamou á unión das forzas sindicais maioritarias, CCOO, CIG e UXT, á realización de actividades conxuntas que "desemboquen nunha celebración unitaria do vindeiro 1.º de Maio". "A situación actual así o require", afirmou.