Unha mala primeira parte condenou aos xogadores de Enrique Domínguez, que estiveron a piques de remontar na segunda metade.
Academia Octavio e CAI Aragón eran os encargados de inaugurar a Copa de balonmán e, malia ser o partido entre sétimo e oitavo da clasificación, deron un espectáculo co que deixaron moi alto o listón para os seguintes encontros. A vitoria final foi para o CAI Zaragoza por 36 goles a 34, mais a ferocidade dos vigueses mantivo a emoción até o último minuto.
O encontro comezou igualado, pero o CAI non tardou en distanciarse gracias á súa forte defensa, a atinada actuación do seu porteiro e a efectividade do extremo exipcio Ali Zaky. Así, aos 18 minutos de xogo os aragoneses xa gañaban por sete goles e mantiveron esa diferenza até o descanso, ao que se chegou cun marcador de 13 a 20.
Na segunda metade o equipo dirixido por Enrique Domínguez saíu a roer os seus rivais, e comezou a furar con maior facilidade a defensa rival. Esta melloría en ataque, encabezada polo croata Nikola Prce, permitiulle ao Octavio achegarse no marcador, colocándose a dous goles de distancia con máis dun minuto e medio por xogar. Pero Iván Infestas fallou un lanzamento que podía deixar os galegos a só un gol, e o CAI rematou levando a vitoria.