O IPC interanual caeu un 0,3% mentres que a taxa estatal foi do 0,7%. Os alimentos e o vestido, polo efecto das rebaixas, lideran o descenso.
O Índice de Prezos ao Consumo (IPC) non experimentou en Galiza variación algunha en febreiro con respecto ao mes de xaneiro, non obstante a décima interanual caeu até o 0,3%, segundo os datos feitos públicos este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con todo, esta caída de prezos non foi tan importante como a rexistrada no Estado Español, onde se rexistrou o nivel máis baixo dos últimos 40 anos, un 0,7%.
Por provincias
O comportamento foi diverso nas catro demarcacións galegas, con diferencias ben notábeis. A provincia da Coruña foi a que rexistrou un maior aumento de prezos, cunha media que supera mesmo á do Estado, un 0,8% interanual, o que significa que dende que comezase este ano as cotizacións se dispararon un 1,4% neste territorio. Mentres, as outras tres provincias compensan esta suba con marxes case invariábeis, xa que tanto en Pontevedra como en Ourense a taxa interanual se situou no 0,1% e en Lugo non houbo variación ningunha.
O transporte, porcentualmente máis caro
Vestido e calzado cederon un 1,6% neste último mes, fundamentalmente por mor do período de rebaixas de inverno, e foi o produto que liderou o descenso, seguido dos alimentos e as bebidas non alcohólicas (-0,6%). Pola contra o prezo que máis subiu neste período foi o das bebidas alcohólicas e o tabaco, que ascenderon un 1,1%. Tamén subiron, aínda que en menor medida, o enxoval do fogar (0,5), a vivenda (0,4), a medicina (0,4) e o ocio e a cultura (0,4). Séguelle o transporte (0,3) e os hoteis, cafés e restaurantes (0,3). Mentres, non experimentaron ningún cambio nin as comunicacións nin o ensino.
Se comparamos estes datos cos do Estado Español, advertimos que houbo un comportamento moi diferente dos prezos en sectores como por exemplo o transporte. Mentres os prezos subiron un 0,3% en Galiza, este campo foi o que liderou as baixadas a nivel estatal, cunha caída do 6%.
Máis da metade dos mozos carecen dun emprego fixo