O debuxo dun polbo deportista foi o elixido polo xurado do concurso, entre os 800 traballos presentados polos escolares coruñeses.
Debuxo do polbo elixido como mascota
Os Xogos do Atlántico son unha competición que se celebra cada dous anos nunha sede itinerante dentro deste espazo lusófono. Este ano a competición celebrarase na Coruña e a concellaría de Deportes organizou un concurso de debuxo entre os escolares da cidade para elixir a mascota.
Eva Martínez Souto, do IES Paseo das Pontes, foi elixida a gañadora co seu debuxo dun polbo afeccionado ao deporte. Para a súa elección, o xurado valorou a orixinalidade e tamén o feito de que sexa un animal representativo de Galiza e de Portugal. Tamén foron premiados cun accésit os traballos presentados polas alumnas Irina Martínez Hermida, Mariana Carolina Castellano e Inés Fernández Borrallo.
Os Xogos do Atlántico cumprirán este verán a súa oitava edición, realizándose na cidade da Coruña durante a semana do 5 de xullo. Até esta cidade do norte do país agárdase que cheguen á volta de tres mil mozas e mozos procedentes das 34 circunscricións locais que compoñen o Eixo do Atlántico.