Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
HADOPI

Francia debate a lei contra o P2P

Prevé crear un organismo que se encargará de avisar os internautas que descarguen arquivos controlados por dúas entidades privadas.

Redacción - 09:15 12/03/2009

A Asemblea Nacional de Francia está a debater a lei Creación e Internet, a norma que pretende restrinxir o uso da internet desconectando, ao terceiro aviso, os usuarios que descarguen contidos considerados ilegais. A norma, coñecida polos franceses como Lei Hadopi, foi aprobada con ampla maioría polo Senado, pero parece que terá máis dificultades na Cámara Baixa.

A polémica lei está a enfrontar, por unha banda, as empresas discográficas e cinematográficas, favorábeis á restrición, e pola outra, os net-activistas e xente a favor do intercambio cultural sen ánimo de lucro. A pesar de que aínda non está aprobada, xa se fala de que existen empresas que están a facer filtraxes na rede para detectar os arquivos con dereitos de autor.

O proxecto de lei prevé crear unha Alta Autoridade para a Difusión das Obras e a Protección dos Dereitos na Internet (Hadopi, nas súas siglas en francés). Estará conformada por xuíces, aínda que estará fóra do marco xudicial, e recibirá informes das redes de Advestigo e Qosmos cunha listaxe de pegadas dixitais de obras compartidas e dos enderezos IP polos que foron transmitidas.

Hadopi enviaralles advertencias por correo postal e electrónico ás persoas titulares deses enderezos para que deixen de descargar. Se ao terceiro aviso non atenden a notificación, serán sancionados cunha desconexión á rede de entre un e 12 meses. As previsións son que se envíen 10 mil avisos diarios.

En calquera caso, xa se fala de que os internautas seguirán a ter a posibilidade de obter os arquivos mediante outras vías, como a descarga directa ou as conexións cifradas. Ademais, o texto non contempla o visionado de obras mediante 'streaming'. Tamén pode botar a lei abaixo o feito de que un de cada cinco simpatizantes do partido de Sarkozy, a UMP, recoñece compartir música e filmes na internet.

Polas súas características, a lei obriga a que as empresas proveedoras de acceso a internet participen na "caza" dos internautas infractores. Ademais, castiga os titulares das liñas, non os usuarios, polo que entidades con redes sen fíos abertas xa están a "capar" a posibilidade de compartir arquivos.


1/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: