Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLO QUENCEMENTO GLOBAL

O nivel do mar sobe a un ritmo maior do prognosticado

Os científicos sinalan que as proxeccións da ONU son demasiado baixas e advirten que os océanos poderían elevarse un metro ou máis até 2100.

Redacción - 13:00 11/03/2009

As capas de xeo polar continúan a derreterse a un ritmo acelerado mentres que as emisións de gases de efecto invernadoiro non minguan. Esta é a diagnose e o tratamento é coñecido, mais as solucións están tardando en adoptarse. Agora, os expertos alertan sobre un empeoramento das consecuencias: segundo os científicos que participan na Conferencia sobre Cambio Climático da Universidade de Copenhage, o nivel do mar está a elevarse aínda máis do que se prevía e pode chegar até un ascenso dun metro ou máis dende agora até o 2100.

O último informe do Grupo Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) da ONU, que fora presentado en 2007, estimou que a crecida sería de entre 18 e 50 centímetros. Agora, os profesionais advirten de que se non se reducen as emisións de xeito rápido e substancial, as consecuencias serán aínda peores.

Tres milímetros por ano
Até o de agora, as observacións amosan que as augas marítimas seguen a subir a un ritmo de tres milímetros anuais. Non obstante, como resultado da aceleración do derretemento de glaciares en amplas rexións, as capas de xeo en Groenlandia e a Antártida xa están a sumar máis volume aos océanos. Así, a previsión é que o crecemento do nivel do mar se acelerará conforme o planeta estea máis quente, de aí a importancia de loitar contra o quencemento global.

Ademais de facer un chamamento polo coidado ambiental da Terra, os científicos chaman a atención sobre o incerto futuro daqueles que viven nas cotas máis baixas do planeta. Tal é así que unha suba deste tipo poría en risco a vida do 10% da poboación mundial, é dicir, uns 600 millóns de persoas, que son as que residen nestes lugares.


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: