O empresario coruñés investirá 600 millóns de euros na construción de dous parques solares en Estremadura e Andalucía.
É a primeira iniciativa do grupo empresarial de Jove neste sector, enmarcado, sosteñen desde o seu contorno, na aposta polo desenvolvemento das enerxías renovábeis e na estratexia de crear unha división forte no ámbito enerxético a través de Inveravante.
A través desta sociedade informaban este luns da asociación co grupo Ibereólica para construír e promover dúas plantas termosolares en Extremadura e Andalucía cunha inversión global de 600 millóns de euros. A corporación de Jove tomará un 50% das dúas empresas filiais de Ibereólica, co obxectivo a curto prazo de construír estas dúas plantas, de 50 megavatios (MW) cada unha, e que estarán nas provincias de Sevilla e Badajoz. As empresas non descartan repetir este esquema de colaboración en proxectos futuros.
Forte aposta no sector enerxético a través de Avantegenera
Manuel Jove canaliza os seus investimentos no desenvolvemento de proxectos relacionados co sector enerxético en todo o mundo a través de Avantegenera, unha das cinco divisións da súa corporación Inveravante. O obxectivo de Jove, actual primeiro accionista de BBVA cunha participación do 5% do capital, é crear unha división forte no ámbito enerxético a través de acordos con socios locais, fundamentalmente mediante a compra ou desenvolvemento de activos.
Avantegenera prevé executar investimentos de até 1.200 millóns de euros deica 2011 e xa conta con proxectos en diferentes fases en desenvolvemento alén do Estado Español, en Estados Unidos, a Europa emerxente, Brasil, Latinoamérica. En concreto, Inveravante ten en estudio a construción de dúas centrais hidráulicas en Panamá e recentemente colocou a primeira pedra de dous parques eólicos en República Dominicana. No ámbito da exploración e produción de petróleo, canaliza a súa actividade a través da empresa resultante da fusión de Vetra Energía, comprada en 2007, e Petrotesting, adquirida en decembro do pasado ano. Ás operacións que desenvolven as firmas en Latinoamérica e Estados Unidos, nas últimas semanas tomaron man de campos petrolíferos en Colombia e Ecuador, e perforaron con éxito un pozo en Estados Unidos.