Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Jesús Bendaña, promotor da feira arzuá

"Hai que coidar o queixo, que é o noso petróleo"

Analizamos pasado e presente da Festa do Queixo de Arzúa, a piques de cumprir 33 anos de vida, cun dos seus impulsores.

Pablo García Martínez - 14:25 08/03/2009
Cartaz da Festa do Queixo deste ano

Cartaz da Festa do Queixo deste ano

Vieiros falou con Jesús Bendaña, un dos promotores da Festa do Queixo, que hoxe está consolidada como unha das celebracións máis populares do país. Pouco ten que ver o potente cartel deste ano (con grupos como Vetusta Morla, Le Punk ou Uxia) coa primeira edición, do ano 76, na que unha feira de queixeiras da bisbarra estivo ambientada pola música de Bibiano e Benedicto, de Voces Ceibes. Bendaña cóntanos como foron os inicios e como viviu a evolución da festa durante as primeiras edicións como organizador e agora como un festeiro máis.

Que vos levou a montar, no ano 76, a primeira Festa do Queixo?

Había que situarse nuns anos nos que comezaba a haber este tipo de eventos. O fin era promover o Queixo de Arzúa, que incluía o queixo feito noutros sitios da comarca como Melide, Touro, Arca... Daquela potenciábanse dous queixos: o de tetilla, que se facía principalmente na zona de Curtis; e o queixo baixo, que era o máis típico de Arzúa. A finalidade era promocionar este produto mais xa no primeiro ano houbo uns concertos nos que participaron Bibiano e Benedicto, dous dos membros de Voces Ceibes.

A que atribúes o exponencial crecemento desta festa?

A festa caeu en gracia e foi collendo forza. O festival tamén foi medrando moito, aínda que nós nunca esquecemos as queixeiras, porque sen elas pouca festa se pode facer. Ao principio pagabámoslles o autobús e dabámoslles vinte pesos a cada unha ou un pequeno agasallo, pero despois xa non lles había que dar nada porque viñan encantadas. No apartado da música, comezou sendo un festival de folk que logo se consolidou e incluso algúns anos tivemos que cambiar os carteis despois de telos rematados porque había grupos empeñados en vir tocar aínda que fora gratis.

Que pensas da evolución do festival musical que combina hoxe o folk con outros estilos como rock, pop ou hip hop?
A evolución foi necesaria, porque se quedaramos nun festival folk a festa estancaríase e deixaríamos a algunha xente fóra. Hai que adaptarse aos tempos e se queremos mover xente e que isto non sexa algo de vellos hai que evolucionar. É algo normal.

Cal é o efecto que produce a festa na vila?

Supón un revulsivo importante a nivel económico e cultural. No apartado cultural entramos en contacto con grandes artistas e permítenos coñecer á xente que vén á festa e darnos a coñecer para eles. A nivel económico nótase moito na hostalaría e non só afecta á nosa vila, xa que hoxe a cantidade de xente que vén a Arzúa é tan grande que nós non estamos preparados para acollelos a todos e a festa tamén se fai notar nas vilas veciñas. Despois está a nosa industria do queixo que debemos coidar porque este produto é o noso petróleo, e resulta unha mágoa que non haxa, por exemplo, un iogur de aquí. Unha cousa coa que eu son un pouco crítico é a mudanza da denominación de orixe, que agora é Arzúa-Ulloa, porque penso que hai que ter moito tino coas ampliacións da denominación. O queixo de Arzúa foi un dos primeiros produtos galegos en ter a súa denominación de orixe e xa daquela esta non só abranguía ao queixo feito aquí, senón ao de toda a bisbarra. Se continuamos ampliando xeograficamente esta figura corremos o risco de que ao final este non sexa realmente queixo de Arzúa.

Que queda hoxe da festa que vós creastes hai case 33 anos?

Queda o día e a alegría, xa que mudou todo, pero é algo normal. É unha festa bonita e animada, á que poden vir mozos e os que xa non somos tanto, incluso se adapta ás familias xa que só teñen que vir cheirar o ambiente, comprar un queixo e tomar uns viños. Non é como a feira do cocido, por exemplo, na que tes que ter reservado un restaurante para ilo comer.

De todas as edicións que levas vivido de cal gardas mellores recordos?

A miña preferida foi a terceira porque durante toda a semana anterior fixemos unha serie de actividades como cine, humoristas ou teatros, todos pertencentes á cultura galega daquel tempo. Foi a edición que máis se aproximou á idea que tiñamos nós da festa antes de creala, unha idea na que o seguinte paso era o que se está facendo agora: unha gran feira de queixos de diferentes lugares onde o Queixo de Arzúa é a gran estrela.

Este ano chegan grupos como Le Punk, Uxía ou Vetusta Morla, que veñen de triunfar nos últimos premios da música. Que expectativas tes para este día?

Unhas expectativas moi boas, o único que fai falta agora é que non chova.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: