Consideran clave a unidade entre as forzas para poder dialogar e ir aglutinando os sectores máis críticos do BNG, e prognostican catro anos de loita na rúa.
Terminados xa os comicios do pasado primeiro de marzo, e sabendo dos resultados, é tempo de facer unha valoración do acontecido, sobre todo dentro das formación do independentismo de esquerdas que, desta volta, permaneceron na marxinalidade electoral.
A comezos da semana, Vieiros falaba con Xurxo Martínez González, candidato dunha das forzas da esquerda independentista galega, a FPG, polas listas de Pontevedra e colaborador habitual deste xornal. Naquela altura, Martínez González recoñecía os malos resultados, mais prefería restarlle importancia, ao tempo que amosaba a súa preocupación polo éxito da "dereita españolista" e prognosticaba tempos de loita nas rúas, após catro anos nos que os sindicatos tentaron "amainar os ventos".
Unha avaliación negativa duns comicios nos que perderon votos
Naquela altura dende Nós-UP aínda non tiñan feito a súa valoración dos resultados electorais do 1-M, mais esta cuarta feira, despois de se xuntar a Dirección Nacional da formación, enviaron un comunicado no que recoñecen non ter chegado ao seu principal obxectivo, "incrementar o apoio nas urnas", a pesar de ter do seu lado, en moitas ocasión, o apoio popular. Nesta liña, a formación avalía "negativamente os resultados" das eleccións para a súa candidatura, e sinalan que a caída de votos -perderon 276 votos e unha centésima respecto a hai catro anos: en 2005 obtiveron 1.749 sufraxios, un 0,1% do total, mentres que o domingo chegaron aos 1.473, o 0,09% no conxunto de todo o país- foi debida á "incapacidade para vertebrar unha única proposta de esquerda independentista".
Ademais disto, culpan a PSdeG e BNG de incumprir "obscenamente o acordo de Goberno, e as promesas", mentres "tan só reproduciron, con arrogancia, as receitas neoliberais e rexionalistas do fraguismo". En canto á vitoria do PPdeG, dende Nós-UP sinalan que foi debida a "milleiros de apoios recuperados entre os novos votantes", o que equilibrou, segundo contan, "a redución do censo" e a importante "abstención". Nesta liña, tamén sinalan con preocupación a forza collida por UPyD, mais revelando que non lles "sorprende", xa que é un sector apoiado polo "grande capital e os medios de comunicación" e unha "peza esencial da estratexia españolista".
Alén disto, prognostican uns catro anos "convulsos, de continuas agresións contra a clase traballadora galega", e advirten que o futuro pasa por recompoñer "a esquerda independentista e socialista galega", e non pola "rexeneración do apodrecido autonomismo", en clara referencia á posíbel mudanza de rumbo no seo do BNG.
"A esquerda independentista debera sentar a dialogar, sen límites, sen condicionantes"
"Dende a Asemblea Nacional vimos defendendo a unidade do conxunto da esquerda independentista galega, xa que só unidos é factíbel vertebrar un espazo socio-político común. O independentismo de esquerdas está fragmentado, e isto é o que fai que non se consiga un bo resultado. Constatouse nas eleccións, que ter dúas listas diferentes o único que provoca é a dispersión", contoulle a Vieiros Carlos Morais, membro da Dirección Nacional de NÓS-Unidade Popular.
Neste sentido, Morais chama a "facer unha reflexión" para "dar pasos firmes e buscar acordos mínimos". "Xa a fixemos en xuño do ano pasado, mais agora é preciso flexibilizar as posicións históricas, e favorecer a outra parte nuns acordos mínimos". Carlos Morais tamén lembrou que un acordo á maneira xa estaba "practicamente pechado en 2005, entre NÓS-UP, o Partido Comunista do Pobo Galego (PCPB) e a Fronte Popular Galega (FPG)", mais "a última hora non puido cristalizar". "Do que se trata é de sentar a dialogar, sen límites, sen condicionantes, coa máxima xenerosidade", recalcou.
"Sería moi positivo que os sectores críticos do BNG se achegasen ao espazo da esquerda independentista"
Preguntado pola opinión que lle merece o fracaso nas urnas do sector nacionalista e o seu futuro en relación ao indepententismo, Morais sinalou que a súa formación ten "claro" que "calquera rexeneración, dentro do BNG é inviábel", xa que se chegou a un "punto de non retorno, e non existen condicións para volver á refundación do Bloque orixinal, aquel que saíu do Frontón de Riazor".
Nesta liña Carlos Morais dixo que "é evidente" que o colectivo de militantes críticos "coa deriva rexionalista e neoliberal que mantivo o Bloque nos últimos catro anos" teñen a opción de facer parte do movemento da esquerda independentista. Mais, segundo destacou o militante independentista, este "continxente de masa crítica" non ten que "integrarse" nos partidos da esquerda independentista, senón que debera pasar a "vertebrar ese espazo común, en igualdade de condicións, como as demais formacións", e participar, deste xeito, "do proceso de diálogo". Neste "debate político de mínimos" do que falou Morais, "cabe todo o mundo", segundo dixo, salientando que nel deberan participar "todas as forzas, con todo o respecto para as outras", porque "todos somos soberanos para tomar decisións". Morais concluíu dicindo que sería "moi positivo" para a nosa nación, que os sectores críticos que "vaian abandonando o BNG", se acheguen ao independentismo.