Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DA BAIXADA ELECTORAL

Os diferentes sectores do BNG comezan os primeiros contactos para abordar a crise

Á liña maioritaria próenlle as críticas de Beiras e bótanlle en cara que non faga as súas reflexións nos órganos do Bloque.

R. V. - 19:45 05/03/2009
Tags: BNG debate

As palabras de Xosé Manuel Beiras retombaron nos cuarteis de inverno do BNG. Na UPG e no “quintanismo”, as dúas forzas que conforman a maioría política, non gustaron nada as críticas do noutrora líder da fronte. O propio secretario de Organización, Alberte Ansede, foi o encargado de turrarlle das orellas ao de Roxos. Para Ansede, non é de recibo que Beiras empregue os medios de comunicación para mostrar un descontento antes de facelo na Executiva, celebrada ao día seguinte dos comicios e á que non acudiu o líder irmandiño. Ansede acusou outro dirixente “irmandiño”, Mario López Rico, de estar presente na mesma reunión e ter feito unha “manifestación contraria” á exposta na conferencia de prensa de Beiras.

Ansede deixou claro este xoves que a petición de Xosé Manuel Beiras non sorte efecto dentro da organización. Tal e como decidiu a Executiva, o vindeiro sábado 14 abrirase o proceso de reflexión colectiva coa celebración dun Consello Nacional. Posteriormente, este órgano dará paso no debate ás asembleas comarcais e locais. Porén, o que xa non quixo desvelar Ansede é a data da Asemblea Nacional, prevista inicialmente para este outono. O tenente de alcalde de Vigo, Santiago Domínguez, que sintoniza co “quintanismo”, expresouse de feito semellante. Aínda que dixo sentir “cariño e respecto” por Beiras, considerou que as súas críticas tiñan que darse nos órganos do Bloque e non fóra.

A militancia do BNG comeza a dixerir o fracaso electoral do domingo. A organización intenta volver á normalidade logo de baixar por terceira vez consecutiva nunhas autonómicas e despois de perder o poder na primeira lexislatura que o acada. A crise está servida e iso non o nega ninguén. Outra cousa é como se ve a posibilidade de reconducila.

Asemblearismo: mecanismo útil ou lastre
Dentro do “quintanismo” consideran que si que é certo que hai que reformular o BNG, tal e como dixo Beiras. Porén, non coinciden nos obxectivos da mesma revisión. Esta corrente considera que o asemblearismo que propugnan os “irmandiños” e outros sectores críticos é un grave lastre para o Bloque: “O problema é que non podemos retroceder a posicionamentos de hai 15 anos. Todo o contrario, se queremos ser algún día unha forza maioritaria, temos que ser quen de abrir un BNG a toda a sociedade e non só ás bases nacionalistas”.

A UPG garda silencio á espera da reunión do seu Comité Central, previa ao Consello Nacional, e que marcará o posicionamento deste partido dentro da fronte. Porén, cadros consultados por Vieiros deixan claro que Beiras está máis fóra que dentro do BNG. Os “quintanistas” tamén teñen previsto xuntarse esta mesma semana para marcar unha estratexia común.

Incluso a maioría oficial non concide en como e cando se ten que convocar unha asemblea. Dentro do “quintanismo” hai moitas voces que consideran que agardar sete meses pola asemblea pode eternizar unha posíbel guerra interna, este sector aposta por unha solución intermedia: nin agora mesmo como demandan os críticos, nin agardar até o outono. A UPG prefire deixar pasar o tempo para que a solución se tome en frío.

E Quintana?

Horas despois de coñecer os resultados electorais, Anxo Quintana sinaloulles aos máis próximos que non se atopaba con moitas forzas para seguir logo do acontecido. Porén, tanto os seus como a UPG coincidiron en que unha dimisión inmediata podería agudizar a crise. Quintana aceptou.

Mais, segundo pasan os días, escóitanse voces que cren que non se debe deixar a un lado o “capital político” do até agora líder nacionalista. As opinións van por barrios dentro do propio “quintanismo”: mentres que uns consideran que Quintana está invalidado para ser o cabeza de cartel en 2013, hai quen cre que non pode descartarse totalmente esta opción.

Comeza o baile de nomes

Quen podería suceder a Quintana? Semella propio de adiviños coñecer nestes momentos quen é a persoa con máis posibilidades. Todos no BNG consideran que primeiro é preciso analizar as causas da caída electoral e acordar entre todos o novo rumbo. Porén, hai quen ten xa na cabeza nomes clave para a nova etapa que se abre: Francisco García e Fernando Blanco (UPG); Carlos Aymerich e Roberto Mera (“quintanismo”); ou Martiño Noriega (Encontro Irmandiño) son só algúns dos nomes que están na boca de moitos.

Sexa como for, todos recoñecen que agora, antes que discutir nomes concretos, toca “reflexionar” sobre cara a onde ten que ir un proxecto que naceu hai xa 26 anos. De feito, esta mesma semana xa se produciron algúns contactos entre representantes de diferentes correntes internas.


4/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: