Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
TRADUCIDO DIRECTAMENTE DO XAPONÉS

O novo de Murakami, antes en galego ca en español

O autor presentará 'De que estou a falar cando falo de correr' (Galaxia) en Santiago o mércores 11 de marzo.

M.S.P. - 18:05 05/03/2009

Ao igual que sucedera coa anterior novela de Haruki Murakami, Tras do solpor, o novo libro do xaponés publicarase, da man de Galaxia, antes en galego ca en castelán. Do que estou a falar cando falo de correr foi traducido directamente do xaponés por Mona Imai e Gabriel Álvarez Martinez, e relata as súas experiencias como corredor de maratóns e o xeito en que isto inflúe no seu traballo como novelista.

O título é unha homenaxe ao escritor norteamericano Raymond Carver, de quen é tradutor para o xaponés, como tamén é tradutor de Scott Fitzgerald e John Irving. En 1982, tras deixar o local de jazz que rexentaba e decidir dedicarse a escribir, Haruki Murakami tamén comezou a correr. Despois de participar en ducias de carreiras de longa distancia e en triatlóns, o novelista reflexiona nesta novela sobre o que significa para el correr e como esa afección influíu na súa maneira de escribir.

Nunha recente entrevista concedida a Der Spiegel, Murakami afirmaba "cando corro baléiraseme o espírito. Os pensamentos que se me introducen cando corro son coma un vento lixeiro, aparecen de súpeto, desaparecen de novo e non alteran nada". Ademais, preguntáronlle que é o que aprendera correndo, e contestou que que lle ensinara a "certeza de que podo acadar a meta. De correr aprendín a confiar nas miñas capacidades; aprendín en que medida debo exixirme, cando necesito facer unha pausa e dende cando unha pausa é longa de máis".

Murakami, un dos autores de moda en todo o planeta, definido en moitas ocasión como un escritor pop, estará o mércores 11 de marzo no Casino de Santiago de Compostela presentando a tradución galega da súa novela. En 2007 os alumnos de secundaria de varios institutos de Galiza concedéronlle o Premio San Clemente á mellor novela estranxeira por Kafka na beiramar. É coñecido pola súa defensa da cultura popular, por exemplo da televisión e, en concreto, da serie Perdidos. Tamén pola súa afección pola música, en especial polo jazz, e pola defensa da súa intimidade, pola que poucas veces dá conferencias ou concede entrevistas.


4,83/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: