Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE E AXUSTES LABORAIS

Cada día preséntanse tres Expedientes de Regulación de Emprego

Nos dous primeiros meses do ano rexistráronse un total de 211, que afectaron a 5.352 traballadores, cifra que supón xa a metade de todos os de 2008.

Redacción - 10:55 05/03/2009

Dende que comezase a crise económica na que estamos inmersos, os Expedientes de Regulación de Emprego (antigamente suspensión de pagos) están á orde do día. Tal é así, que en Galiza xa se presentaron dende que comezase o ano e até o 26 de febreiro un total de 211 procedementos deste tipo, o que desprendería unha media de 3,7 diarios. Este dato tórnase máis grave á luz da comparación co ano anterior, xa que en todo 2008 o número de ERE's presentados en Galiza ascendeu a 624, polo que, de continuar con este ritmo, a finais de ano poderíase duplicar a estatística anual.

Cos datos na man, os traballadores que dende xaneiro viron extinguida ou suspendida a relación laboral coa súa empresa ascenden a 5.352 (fronte ao total de 10.144 traballadores afectados en todo 2008), é dicir, 93 persoas estiveron afectadas cada día por un procedemento deste tipo. A estatística amosa que Galiza é a quinta comunidade autónoma con máis ERE's autorizados en 2008 e a oitava por número de traballadores afectados, segundo un informe feito público polo sindicato Comisións Obreiras (CCOO).

A automoción e a pesca, os máis afectados
A automoción foi un dos sectores máis afectados por este tipo de procedementos: nos dous primeiros meses deste ano un total de 3.006 operarios do sector estaban regulados no marco de 37 Expedientes. É máis, entre só dúas empresas, Prevent Vigo e Cableados Auto, sumaron un total de 252 traballadores afectados polas suspensións temporais. Unha boa parte destas regulacións presentáronse en empresas que dependen da factoría Citroën de Vigo, se ben non todos foron aceptados pola Consellaría de Traballo.

Mentres, a caída do prezo do peixe, xunto coa redución de capturas, fai do sector pesqueiro outro dos grandes damnificados pola crise económica. No conxunto de Galiza rexistráronse un total de 82 Expedientes neste sector, que afectaron a un total de 738 mariñeiros. Séguelle en importancia, a construción (onde se presentaron 19 ERE's para 132 operarios) e a construción naval.

Por provincias
Pontevedra suma o 78% dos Expedientes presentados en toda Galiza (109), cunha cifra de 4.182 traballadores afectados por este tipo de regulacións. Séguelle A Coruña, onde os operarios inmersos nun proceso deste tipo ascenden a 836 (con 83 ERE's). Finalmente, Ourense (con 178 traballadores e dous Expedientes) e Lugo (con 120 operarios e 15 procedementos) sitúanse a bastante distancia das dúas provincias máis afectadas por este tipo de regulacións laborais.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: