Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tomará posesión da acta de deputado o 1 de abril

Touriño deixará o Parlamento despois do debate de investidura de Feijoo

O novo líder do partido serao tamén do grupo parlamentario e encargado de intervir nos grandes debates, á marxe do voceiro na Cámara.

Redacción / Europa Press - 19:45 04/03/2009

O presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, tomará posesión da súa acta de deputado no pleno de constitución que o Parlamento celebrará o próximo 1 de abril, pero trasladou á dirección do PSdeG que a súa intención é renunciar "inmediatamente despois" ao seu escano.

Tras a súa dimisión o pasado luns como secretario xeral do PSdeG a raíz dos resultados electorais, que devolveron a maioría absoluta ao PPdeG, Touriño trasladoulle á dirección do partido a súa intención de tomar posesión do seu escano, pero pretende abandonar o Parlamento tras o debate de investidura.

As fontes do PSdeG consultadas sinalaron que a estratexia é que na primeira sesión do debate de investidura, o 1 de abril, cando o Goberno saínte aínda ocupa o espazo de escanos reservados para o Executivo, se vexa "focalizada" en Touriño a responsabilidade gobernamental tras a perda da Xunta e "non queimar o novo líder" das filas socialistas. "Touriño debe estar na foto da sesión de traspaso", explicaron. Neste sentido, outros membros do partido interpretaron que esta escenificación do presidente da Xunta en funcións co mandatario entrante "non é nada anormal" e recordaron que outros ex presidentes, como José María Aznar, tamén asistiron á constitución do novo Congreso tras renunciar a ser candidato, neste caso, en favor de Mariano Rajoy.

"Trátase dunha escenificación de apoio ao Grupo Parlamentario Socialista", aseguraron, de modo que xulgaron que o acto de toma de posesión do seu escano no pleno do 1 de abril ten un "significado simbólico". "O que non tería sentido é que seguise máis alá diso", opinaron, e esgrimiron que "sería molesto para todos" porque "un cando se vai, vaise de todo" e que "para el, sería unha tortura". En calquera caso, coincidiron en apuntar que a acta de deputado "é nominal", polo que "quedar" sería "unha decisión súa, baixo a súa responsabilidade".

"Como un deputado máis"
Presidencia da Xunta sinalou este mércores nun comunicado que Touriño, "cumprindo coas súas obrigas de parlamentario, tomará posesión do seu escano como membro do Grupo Parlamentario do PSdeG", que está integrado por 24 deputados, á espera do reconto do voto emigrante que se inicia o próximo luns e no cal os socialistas confían en arrebatarlle un escano ao PPdeG pola provincia de Ourense, aínda que iso non poría en perigo a maioría absoluta dos populares.

"O presidente da Xunta en funcións estará sentado no hemiciclo como un deputado máis, xunto aos seus compañeiros electos", sinala Presidencia en relación a Touriño, quen doce horas despois dos resultados electorais do pasado domingo dimitiu como secretario xeral do PSdeG, cargo que ocupaba dende 1998.

Novo voceiro
Fontes da dirección do PSdeG explicaron que, xa na segunda fase do debate de investidura de Alberto Núñez Feijoo como presidente da Xunta, daríalle a réplica ao presidente da Xunta entrante un novo voceiro parlamentario socialista.

Ao respecto, as fontes consultadas indicaron que, tras o proceso de consulta coas agrupacións locais, se decidirá o nome do novo secretario xeral do PSdeG, que será tamén presidente do Grupo Parlamentario, de forma que así o novo líder teña a potestade de intervir nos grandes debates da Cámara, como o do debate sobre o Estado da Autonomía ou o de investidura, para visualizar o novo liderado en contraposición con Feijoo.

Tal e como avanzou Vieiros, o mellor situado para asumir o relevo de Touriño é o conselleiro de Medio Ambiente en funcións e secretario provincial do PSdeG de Ourense, Manuel Vázquez, quen xa recibiu o aval da maioría dos membros da comisión xestora do partido, constituída este mércores en Santiago. Ao respecto, o vicesecretario xeral do PSdeG e presidente da xestora, Ricardo Varela, sinalou que serán as bases do partido as que elixan o novo secretario xeral, aínda que augurou que "posiblemente, a súa opinión será coincidente" coa dos membros deste órgano provisional. Así mesmo, dirixentes como Xosé Blanco eloxiaron a "talla política" de Manuel Vázquez, sinalándoo como "un dos nomes que hai que ter presentes", aínda que o ex alcalde de O Carballiño aínda non aclarou publicamente as súas pretensións.

O PSdeG planea, á marxe do presidente do Grupo Parlamentario dos Socialistas, designar un voceiro parlamentario para o día a día no hemiciclo, posto para o cal se perfila a secretaria de Organización do partido, Mar Barcón, para gañar cohesión entre o traballo do partido e na Cámara. Así mesmo, o grupo parlamentario contará con diversas portavocías de área.

Goberno en funcións
Pola súa banda, o presidente en funcións da Xunta decidiu tomar uns días de descanso tras a campaña electoral, de forma que esta semana non se celebrará a reunión ordinaria do Consello de Goberno.

Fontes de Presidencia destacaron que un goberno en funcións está "para resolver asuntos de trámite" e non para adoptar decisións de transcendencia e neste sentido, estabeleceron diferenzas co Goberno de Manuel Fraga, que na mesma situación, tras as eleccións de 2005, chegou mesmo a realizar adxudicacións.

O futuro de Emilio Pérez Touriño aínda non está claro, posto que se descoñece se a súa dimisión levará aparellado que se desvincule totalmente da vida política. Entre as súas opcións estaría a de solicitar o seu ingreso no Consello Consultivo facendo uso da súa potestade como ex presidente da Xunta ou retornar á docencia na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago de Compostela, onde ten praza como catedrático.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: