Este mércores comeza unha carreira na que Gustavo Veloso parte como o home forte do equipo galego, despois do bo papel realizado en Almería.
Gustavo Veloso, o ciclista en mellor forma do Xacobeo hoxe
Este mércores comeza a Vuelta a Murcia co Xacobeo Galicia no medio do pelotón, afrontando esta proba como parte da preparación para o seu obxectivo máis inmediato, o Giro, mais sen renunciar a facer un bo papel. Gustavo Veloso chega a Murcia como o ciclista en mellor forma do equipo despois de facer unha gran Clásica de Almería o pasado domingo, rematando 12º na clasificación xeral. De cara a esta carreira Veloso dixo non estar "aínda ben, pero si cun nivel que debería permitirme moverme pola parte dianteira" da carreira.
Ademais de Veloso, a formación do equipo galego para Murcia compóñena Ezequiel Mosquera, David Herrero, Carlos Castaño, Gonzalo Rabuñal, Serafín Marínez, Marcos García e Iván Raña. Na carreira murciana estarán algúns dos corredores máis destacados do pelotón como Fabian Cancellara, campión olímpico e mundial de contrarreloxo, ou Denis Menchov, dúas veces campión da Vuelta a España.
Primeira toma de contacto coa Vuelta a España
Aproveitando o seu paso por Andalucía, o Xacobeo usou o luns para tomar contacto co terreo polo que se desenvolverán as etapas de montaña da Vuelta a España que se celebren nesa terra. Os ciclistas quedaron especialmente sorprendidos co percorrido da duodécima etapa, na que están os portos de Velefique e Calar Alto. Ezequiel Mosquera dixo que "tanto o porto de Velefique como Calar Alto parécenme moi duros", aseverando despois que "penso que ningunha das etapas da pasada edición da Vuelta a España tivo a dureza que ofrece o o duodécimo treito da vindeira edición.