"Haberá mulleres", avanza Alberto Núñez Feijoo, de paso que subliña que os deputados electos nos que confíe para consellarías deberán deixar o escano.
O PPdeG oponse a estabelecer cota feminina na administración
Un Goberno "pequeno, forte e moi coordinado" é a idea de executivo que afirmou querer deseñar o próximo presidente. Alberto Núñez Feijoo explicou este martes a súa intención de suprimir "un 20% de consellarías e un 40% de altos cargos". Feijoo cualificou de "mastodónticas" as actuais estruturas da administración e asegurou que é necesaria a conformación de departamentos "máis fortes e áxiles" e a redución do número de interlocutores na toma de decisións.
De xeito concreto, o PPdeG xa avanzou que non pensaron en fixar igual número de conselleiras e conselleiros á hora do deseño do executivo, polo que podería non haber paridade xa que a formación é contraria a estabelecer cota feminina aínda que, afirman fontes populares, "haberá mulleres".
Por outro lado, o equipo de goberno terá dedicación exclusiva, polo que lle pedirá aos deputados que sexan elixidos que renuncien ao escano no Parlamento, estendendo aos conselleiros o que a lei xa obriga para os secretarios e directores xerais dos distintos departamentos da Xunta, así como para os xefes de gabinetes e outros altos cargos de libre designación do Goberno nomeados por decreto. No executivo saínte, seis conselleiros mantiñan escano no Parlamento.