O líder do PSdeG abandona a primeira liña política. Nas filas socialistas ábrese un importante debate interno.
Poucos minutos despois das nove da noite do domingo, Emilio Pérez Touriño sabía que a súa carreira política chegaba á súa fin. O escrutinio avanzaba a unha velocidade vertixinosa e o PSdeG, lonxe de repuntar, acoraba entre a marea de datos que chegaban de todo o país. Doce horas despois, completamente noqueado, anunciaba a súa dimisión.
Mais é seguro que o presidente maulaba a derrota dende había días e quen sabe se semanas. Ao aparato socialista non lle daban as contas. O PPdeG estaba forte, moi forte. As enquisas internas dicían todas o mesmo: os conservadores tiñan un pé en San Caetano. O nerviosismo era evidente. Xosé Blanco repetía unha e outra vez o mesmo: Hai que mobilizar, o barco afúndese.
Na mente de moitos cadros do partido estaba o último congreso do PSdeG, celebrado en xullo do ano pasado. Naqueles días de coches oficiais e flashes ninguén pensaba que a estancia do puño e a rosa en San Caetano ía ser tan efímera. E entón chegou Blanco. Reuniuse cos “popes” do partido e debuxou un escenario dramático se non se adiantaban urxentemente as eleccións. “A crise vai pasar factura”, bradaba o de Palas de Rei pedindo un adiantamento das eleccións para ese mesmo outono. Ademais, o home forte de Ferraz botáballe en cara aos socialistas que non estaban sabendo vender a súa xestión.Touriño xogou as súas propias cartas. Quixo demostrar que controlaba o aparato e defender a súa autonomía fronte a Blanco e a Ferraz.
O até agora presidente é un home obstinado, iso sábeo ben o seu entorno. Non había posibilidade de volta atrás. A sorte estaba botada. Se a Touriño lle saía ben a xogada tería o camiño expédito para mandar na Xunta e no partido. Pero a última carta non valeu para gañar a partida. E Touriño sabía que quedaba exposto as balas dos francotiradores. O aparato non lle perdoaba que intentase gobernar de costas ao partido
Unha campaña de dúas velocidade
Ao igual que no caso do Bloque, a campaña dos socialistas tiña dous polos. Por un lado, o entorno de Touriño programaba un discurso presidencialista e polo outro, o partido, con Blanco e Ricardo Varela á cabeza intentaban tensionar a militancia, concello a concello. As lapras saltaban, mais todo quedaba silenciado polo rebumbio electoral.Antes da derrota de Touriño, os cadros do partido falaban polo baixo. Daban por feito que na segunda lexislatura o presidente ía ter que contar máis coa militancia e abandonar o “autismo” no que estaba instalado. Algúns contrastaban a imaxe dun Feijoo percorrendo o país parroquia a parroquia coa dun seu presidente que non acababa de arremangar a camisa.
No PSdeG ábrese unha nova etapa. Algúns dirixentes consultados por Vieiros recoñecen que a vitoria conservadora é abrumadora e ten ben poucos matices. Os máis pesimistas pregúntanse se Feijoo, ao igual que Fraga, non chegaría para quedar: “Eu creo que desperdiciamos unha oportunidade histórica. Haberá que ver cando teremos outra”, afirma un cadro pontevedrés.
Touriño comeza a recoller as pertenzas que levou hai 42 meses para a residencia de Monte Pío. En poucas semanas, Feijoo ocupará a casa presidencial que un día mandou construir Manuel Fraga. O PSdeG abre outro novo debate para buscar un líder con carisma abondo para capitanear un novo asalto ao Pazo do Hórreo. Mentres, na rúa do Pino comezan a verse as primeiras armas. Despois de perder a guerra, chega a hora de repartir os anacos que quedan.