BNG e EU recorreron unha decisión da Xunta Electoral do Carballiño, que lle outorga ao presidente da mesa a potestade de validar ou non estes votos.
Carrera, á dereita da imaxe, nun acto con Feijoo e Baltar
A Xunta Electoral de Galiza levaba, ás 14h00, algo máis de dúas horas de xuntanza, debatendo que medidas se van tomar en relación ás papeletas do PPdeG que se introduzan nas urnas do Carballiño, levando riscado o nome de Luís Carrera.
Cómpre lembrar que Carrera ía de primeiro nas listas do PPdeG por Ourense, mais finalmente tivo que retirar a súa candidatura por problemas con Facenda. Porén, a Xunta Electoral do Carballiño foi a única das sete Xuntas de Ourense que decidiu deixar en mans do presidente de cada unha das mesas a decisión de validar ou non as papeletas que leven raiado o nome de Carrera, malia a que o pasado 12 de febreiro a Xunta Electoral Galega decidira que estes votos serían invalidados.
BNG e EU piden que se anulen estes votos
Esta decisión foi recorrida por BNG e EU, que consideran que esta decisión "vulnera tanto o estabelecido na lexislación electoral como as instrucións da Xunta Electoral Central na materia". Polo seu lado, dende EU lembraron que "de conformidade coa doutrina seguida polo Tribunal Supremo, ningún voto poderá ser admitido como válido no caso de presentar algún tipo de emenda ou estando riscado", o que, indicaron, debería ser "entendido coma un criterio absolutamente restritivo".
Sobre a polémica destas papeletas, o candidato á presidencia do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, amosou o seu "desexo" de que vaian sen marcas, aínda que recalcando que os populares han avaliar o "alcance desta dificultade" unha vez conclúa a xornada electoral.