Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza afronta unhas eleccións incertas

Abren os colexios nos que están chamados a votar 2,6 millóns de galegos e galegas

Sábese moi pouco duns resultados que mesmo poderían variar o escenario político actual.

Redacción - 09:33 01/03/2009

As enquisas, dadas a coñecer nas últimas semanas, teñen o denominador común de apuntar cara un desenlace moi axustado, polo que os indecisos poderían ser determinantes para decantar a balanza das urnas cara un ou outro lado. Por isto, os partidos estatais (PP e PSOE) non aforraron esforzos para trasladar a Galiza as súas espadas, co presidente do goberno español e secretario xeral dos socialistas, José Luis Rodríguez Zapatero, e o líder dos populares españois, Mariano Rajoy, á cabeza do desembarco.

Coméntase en todos os foros que destas eleccións non só ha saír un Goberno para o noso país, senón que o que aconteza nas urnas vai influír tremendamente no que suceda no seo do PP -que está a vivir unha intensa crise interna- e no goberno español.

Para o PPdeG, a maioría absoluta é fundamental para recuperar o Goberno, mais algúns prognósticos apuntan a un mantemento da situación da última lexislatura cunha vitoria para os populares galegos, e un repunte do BNG. Con estes resultados, PSdeG e BNG poderían manter tranquilamente o seu goberno bipartito, sen perder de vista ao PPdeG, ao que só lle faltou un escano a pasada lexislatura para conseguir a maioría absoluta.

Os temidos indecisos
Hai que ter en conta que, segundo algunhas enquisas, os indecisos son case a cuarta parte do electorado galego, por iso a última semana de campaña foi tan intensa. Os socialistas insistiron nos seus mitins en facer chamamentos para que ninguén fique sen votar, ao tempo que acusaban o PP de xogar coa abstención como a mellor baza para conseguir as súas ambicións.

Rajoy instalouse practicamente en Galiza durante os últimos 15 días, protagonizando unha campaña paralela á de Feijoo, o candidato popular á presidencia, aínda que centrada, no seu caso, en vilas e pequenas cidades, mesmo en núcleos rurais onde o PP pensa que o seu electorado está menos motivado. O líder popular xoga moitas cousas en Galiza, con enorme repercusión en Madrid. Recuperar a Xunta sería un gran argumento para calar os críticos que ten no partido, ocultando as dificultades dos últimos meses -a espionaxe e corrupción madrileña-, e sairía ben parado de cara ás vindeiras europeas.

Tamén o vicesecretario xeral o PSOE, o ulloán Xosé Blanco, estivo onde se precisou nesta campaña, até o punto de que nin sequera asistiu ás últimas xuntanzas da dirección socialista en Madrid. Para o PSOE, a derrota en Galiza sería o primeiro revés serio dende que Zapatero chegou á presidencia do goberno español, e podería interpretarse como unha primeira factura que a crise económica lles pasa aos socialistas. Touriño contou na campaña con numerosos cargos socialistas, entre eles os tres ministros mellor valorados do goberno español: a vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega e os titulares de Defensa e Interior, Carme Chacón e Alfredo Pérez Rubalcaba. Ademais, o candidato socialista estivo con Zapatero no mitin de fin de campaña, onde estaba acompañado, ademais, polos catro ministros galegos en Madrid, incluído o novo de Xustiza, o ceense Francisco Caamaño.

Polo seu lado, o BNG pediu, no seu peche de campaña, o voto para derrotar nas urnas "a dereita mediática e empresarial", e tirou, nos últimos días, dun discurso máis nacionalista e de esquerdas para poñer o electorado do seu lado. Anxo Quintana concorre por segunda vez como candidato do Bloque á presidencia, tras consolidar o seu liderado como voceiro nacional da organización e coa ollada posta en rendibilizar o paso dos nacionalistas polo Goberno, xa que é la primera vez que serán avaliados poa súa xestión na Xunta.


3/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Touriño e a súa dona, Esther, pasean polo Monte do Pedroso, en Compostela, na xornada de reflexión
Touriño e a súa dona, Esther, pasean polo Monte do Pedroso, en Compostela, na xornada de reflexión
Quintana, no peche de campaña en Vigo
Quintana, no peche de campaña en Vigo
Feijoo dedicou o día de reflexión a facer deporte. Na imaxe, nun mitin de campaña en Pontevedra
Feijoo dedicou o día de reflexión a facer deporte. Na imaxe, nun mitin de campaña en Pontevedra