Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza 2009

Peche de campaña: a última noite e nada está decidido

Os partidos pechan esta sexta feira, á noite, unha intensa campaña electoral, para algunhas das formacións, a máis "sucia" que se teña visto na historia do noso país.

Redacción - 18:30 27/02/2009

Socialistas e populares apuran as últimas horas da campaña electoral co apoio dos seus responsábeis estatais. Mentres o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero -que estivo esta quinta feira acompañando ao candidato socialista a lehendakari, Patxi López- estará a carón de Emilio Pérez Touriño en Compostela; Mariano Rajoy, que estivo en Lugo esta semana con Alberte Núñez Feijoo, volverá apoiar o seu candidato en Ourense. Esta sexta feira é o último día de campaña antes dos comicios, e ámbolos dous políticos queren permanecer en Galiza, ignorando a campaña que tamén se pecha en Euskadi.

En Ourense, xunto con Rajoy e Feijoo, estarán -no Pavillón dos Remedios-, o presidente provincial do PPdeG, Xosé Lois Baltar, e a cabeza de lista ourensá, Carmen Pardo. En Compostela, no mercado de gando de Amio, Touriño acompañarase de Zapatero, despois de percorrer as catro provincias durante todo o día.

Polo seu lado, o BNG pecha a campaña en Vigo, ás 20:15 horas no Pavillón das Travesas. Estará no acto o candidato á presidencia do Goberno, Anxo Quintana, acompañado de Carme Adán, Henrique Viéitez, Santiago Domínguez e Tereixa Táboas.

Esquerda Unida pechará a campaña en Compostela. Despois de repartir propaganda polo centro da cidade, os candidatos polas catro provincias, entre eles a candidata á presidencia, Iolanda Díaz, ofrecerán unha cea nun restaurante da capital. Por outro lado, o candidato de Terra Galega, Xoán Gato, estará na Feira Internacional de Mostras do Noroeste de Ferrol pechando a campaña.

Pola súa banda a Frente Popular Galega pecha a campaña electoral no concello onde ten representación municipal, Cangas do Morrazo. O acto comezará cun encontro na Casa da Cultura da vila -coas intervencións de Anxo Angueira, Moncho Fernández, Paula Fernández, o Secretario Xeral e concelleiro en Cangas Mariano Abalo e máis Xosé Luís Méndez Ferrín-, ao que seguirá unha cea de confraternidade.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Touriño (PSdeG) pecha a campaña en Compostela, no Mercado do Gando de Amio xunto a Zapatero. Na imaxe, nun acto en Ourense
Touriño (PSdeG) pecha a campaña en Compostela, no Mercado do Gando de Amio xunto a Zapatero. Na imaxe, nun acto en Ourense
Quintana pecha campaña en Vigo. Na imaxe, nun mitin en Ourese / Fotografías: Flickr dos partidos
Quintana pecha campaña en Vigo. Na imaxe, nun mitin en Ourese / Fotografías: Flickr dos partidos
Feijoo (PPdeG) pechará a campaña en Ourense, xunto con Mariano Rajoy. Na imaxe, nun mitin en Vigo
Feijoo (PPdeG) pechará a campaña en Ourense, xunto con Mariano Rajoy. Na imaxe, nun mitin en Vigo