Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Nº 3 DO PSDEG-PSOE POLA CORUÑA

O PP acusa a Sestayo de adxudicarlle contratos á súa curmá dende o Concello de Ferrol

Pide a súa exclusión das listas por outorgar 51 mil euros en traballos, pero a socialista defende que as concesións se aprobaron en comisión co voto favorábel do PP.

Redacción - 18:03 23/02/2009

O PP quere facer das presuntas irregularidades na xestión do bipartito o seu principal argumento electoral nesta derradeira semana de campaña. Ben sexa para gañar votos ou para desmobilizar os apoios de PSdeG-PSOE e BNG, os populares acusan a socialistas e nacionalistas de "derroche" e de "utilización de medios públicos en beneficio electoral". Alfonso Rueda afirmou este luns que espera "dimisións".

Os populares solicitaron este luns que o PSdeG-PSOE exclúa das súas listas á número tres pola provincia da Coruña, Beatriz Sestayo, despois de denunciar que cando Sestayo era concelleira de Benestar en Ferrol adxudicou 51 mil euros en contratos a unha empresa propiedade dunha prima segunda. Segundo publica este luns o xornal ABC a edil realizou unha serie de encargos á empresa En Común Análisis S.L., da que é accionista e administradora única Patricia Vila Castiñeira, militante socialista na cidade e candidata nas últimas municipais.

Fragmento da roda de prensa ofrecida por Alfonso Rueda, secretario xeral do PPdeG

De igual xeito criticaron que o "secuestro de vontades que protagonizou" o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, en referencia ao polémico mitin de Oia, e o feito de que "a Xunta utilizase medios públicos para un acto de campaña electoral", tampouco "fixo rodar cabezas".

Sestayo acusa ao PP de lanzar "lixo electoral" e defende a legalidade das actuacións
Beatriz Sestayo asegurou que só ten un parentesco de quinto grao colateral coa persoa coa que o PPdeG a relaciona (a lei só prohíbe este tipo de contratos até o segundo grao) e lembrou que as adxudicacións se realizaron sempre en Comisión e co visto bo do Partido Popular. Sestayo cualificou de "lixo electoral" as acusacións públicas dos populares e anunciou que podería emprender unha demanda xudicial contra a formación política.

Renuncia o nº 15 do PSOE por Pontevedra por ser 'inelixíbel'
O candidato número 15 da lista socialista pola provincia de Pontevedra, Francisco Ferreira González, presentará a súa renuncia ante a Xunta Electoral de Pontevedra dada a súa condición de inelixíbel como deputado autonómico ao exercer como axente da Policía Local en activo no Concello de Gondomar.A secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Mar Barcón, argumentou que a Xunta Electoral Provincial de Pontevedra certificou no seu momento a validez da lista. Porén, perante "a posíbel inexibilidade" de Ferreira González, o PSOE asegura que este mesmo luns fará efectiva a súa renuncia ante a Xunta Electoral Provincial. A condición de inelixíbel de Ferreira González fora denunciada polo PP ante a Xunta Electoral Provincial ao entender que constitúe unha "irregularidade manifesta".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: