Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Vieiros foi pioneiro en levar a política á rede

Galicia97: o ano que as eleccións chegaron a internet

Os socialistas pedíanlle contas a Vázquez e Caballero pola catástrofe nas urnas, o voto emigrante xa era polémica pendente de resolver... Anécdotas para a historia nun especial informativo que marcou un fito na internet do país.

Redacción - 14:15 23/02/2009

Co abrollo de internet, en pleno despegue polo mundo adiante, non era pouca a expectación internacional por saber que ía pasar no noso recuncho atlántico con ese "ex ministro do réxime de Francisco Franco". Vieiros, o barrio galego en internet, era daquela o único lugar onde afondar na análise do que en Galiza acontecía. Así, e fronte as chamadas e mensaxes electrónicas recibidas chegadas de xeografías dispersas, Vieiros mesmo deseñou desa volta un pequecho espazo cunha versión en inglés do especial electoral, onde os veciños doutras terras puideran satisfacer o seu interese informativo.

Foi así daquela Vieiros o único punto de encontro que neses días houbo na rede para o seguimento informativo da cita electoral. E foino en galego e en Galiza, e en inglés para o resto do planeta. Unha cita onde ao cabo se viu confirmada a terceira maioría absoluta para Manuel Fraga, marcando os populares un teito de 42 escanos no Parlamento. Foi un mes de tolemia informativa espremendo ao máximo os pequenos recursos dos que dispoñíamos para atender o devezo de noticias e debate de milleiros de internautas que daquela comezaban a experimentar con iso da internet.

Non era a primeira vez que a lea electoral chegaba á rede en Galiza xa que, apenas acabado de nacer, Vieiros lidou cos comicios xerais de 1996. Pero si era desta volta a primeira cita coas eleccións en Galiza, e o especial Galicia'97 foi unha experiencia inédita e pioneira no país. Entrevistas, chats, taboleiro, un milleiro de parlamentos virtuais construídos... Moita xente botou unha man para aquel proxecto precursor. Entre as prumas convidadas estiveron Ana López Santiago, Victorino Pérez Prieto, Xavier Queipo, Xosé Gaciño, Xelís de Toro, Xosé López, Ramón Villares, Lois Celeiro ou Ceferino Díaz. Tamén nos axudaron no esforzo desde o mundo da prensa do papel (El Ideal, La Voz, o Faro, El Correo ou El País) aos que daquela o asunto da rede lles quedaba entre extravagante e pintoresco e vían con expectación os pasos precursores que daba Vieiros.


Velaí algunhas pezas para o recordo daquel especial electoral Galicia'97:

Grazas ao voto emigrante, o PP supera a barreira dos 800 mil votos
A maioría dos electores galegos residentes no exterior depositaron a súa confianza nos populares. Das 56.604 papeletas chegadas do exterior o 68,8% foron para o Partido Popular, o que lle val ao PP a consecución do deputado número 13 pola provincia da Coruña e un novo récord electoral en Galiza, con 832.389 votos. A transferencia deste escano irá en detrimento das 7 actas de deputado que provisionalmente conseguira o Bloque Nacionalista Galego.

As estatísticas prognostican un sólido futuro electoral ao BNG
Segundo a directora do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Pilar Castillo, do 50 ao 60% da mocidade que estreaba dereito a voto optou por darlle o seu apoio á formación nacionalista. En opinión de Castillo, este dato "é de grande importancia como base de estabilidade electoral". Así mesmo, o estudio de Sondaxe sobre a transferencia de voto revelou que a suba do Bloque Nacionalista Galego se debía fundamentalmente á grande fidelidade dos seus electores, á actitude do electorado máis novo e ao transvase de votos doutras formacións políticas, especialmente do PSdeG-PSOE.

Continúa a polémica no seo do PSdeG-PSOE
Entre os pedimentos xeneralizados dun debate real que disipe de vez a confusión que actualmente vive o Partido Socialista de Galicia, continúan xurdindo voces críticas solicitando a dimisión de Francisco Vázquez e Abel Caballero. Neste sentido, o ex-presidente do grupo parlamentario socialista, Xosé Antonio Ventoso Mariño declaráballe aos medios que non lle parecía moi lóxico que Vázquez e Caballero agardasen pola postura do Comité Nacional, xa que a súa posíbel retirada política é unha cousa que terían que decidir por si mesmos. Por outra banda Ventoso comentou que "se o partido foi capaz de substituír a Felipe en 24 horas, poderá mudar a calquera de nós".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: