M. del Río - 12:00 26/02/2009
As políticas ambientais, que nos anos 80 comezaron a ser o estandarte dos partidos ecoloxistas, acabaron sendo asumidas polo resto das formacións políticas. A súa importancia foi aumentando a medida que pasaban as décadas, até o punto de que, na actualidade, a ameaza do cambio climático e do quecemento global converteron o medio nunha preocupación xeral para a sociedade.
Durante a última lexislatura fíxose especial fincapé no desenvolvemento sustentábel, xeito de compatibilizar o crecemento económico coa defensa do medio e, tamén en relación con este asunto, a normativa referida á construción e a suspensión cautelar das edificacións a menos de 500 metros da costa.
Porén, no contexto de crise económica actual, que lle está a afectar especialmente ao sector da construción, existe o risco de que os gobernos poidan relaxar as restricións para favorecer a recuperación dunha actividade económica sobredimensionada e da que dependeron até agora, directa e indirectamente, moitas persoas empregadas.
Outro dos desafíos aos que se tivo e terá que enfrontar o Goberno é compatibilizar a defensa da biodiversidade e a de sectores como a agricultura e a gandaría, afectados en moitas ocasións polos danos causados por animais salvaxes. O abandono do rural propiciou, relativamente, a recuperación de diversas especies. A reordenación do medio rural é outro dos asuntos que, transversalmente, tamén ten relación coas políticas ambientais.
Por outra banda, a defensa dos espazos protexidos fronte aos intereses empresariais, non só da construción, senón tamén da minaría e da industria, é outro dos aspectos onde a Xunta tivo que facer "encaixe de bolillos" para satisfacer as dúas partes, sen éxito.
Como mostra do malestar do pobo polo favorecemento de intereses empresariais sobre os ambientais, xurdiron movementos agrupados na plataforma Galiza non se vende, que protagonizou varias manifestacións para amosar a repulsa polos diferentes plans apoiados polo Goberno, de entre os que destacou especialmente o apoio á planta regasificadora de Reganosa.
SE CAMBIA O GOBERNO
O PPdeG defende no seu programa que "Galiza é verde e azul" e propón desenvolver unha política ambiental de carácter horizontal, é dicir, que estea detrás do deseño de todas as políticas sectoriais. Para acadalo, prevé desenvolver unha estratexia de desenvolvemento sustentábel coordinada coas directrices de ordenación do territorio. Na súa elaboración participarán os diversos axentes socioeconómicos, e incentivarase a iniciativa privada nas diversas actuacións. Potenciarase o aforro enerxético, as enerxías renovábeis, e os concellos converteranse nos actores do desenvolvemento. Tamén impulsará unha reforma da Administración Ambiental, mediante un Plan de Integración e Coordinación da Política Ambiental nas Políticas Sectoriais.
Para evitar as emisións de dióxido de carbono prevé aprobar un Plan de Mobilidade, fomentar a forestación e estabelecer obxectivos de redución de emisións. Outro dos puntos do programa do PPdeG é a aprobación dun Plan de Mellora e Recuperación dos Hábitats Cinexéticos, simplificar os trámites burocráticos para o aproveitamento da caza ou axudar á reprodución das especies cinexéticas. No relativo ao traslado de ENCE propón que se efectúe dentro da comarca de Pontevedra.SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO
O programa do PSdeG contempla o apoio ás enerxías renovábeis e a reversión dos beneficios aos territorios que sofren a explotación enerxética ou que teñen a actividade económica limitada por preservar intereses ambientais. Fomentará o aforro e a eficiencia enerxética en todos os sectores, para cumprir os obxectivos de Quioto, ademais de darlle prioridade aos recursos naturais e renovábeis do país para reducir a dependencia enerxética do exterior. Por outra banda, anuncia a posta en marcha dun plan para subministrar o gas á maioría dos núcleos urbanos de Galiza cunha rede de gasodutos. Tamén potenciará as centrais de biomasa, a fabricación de biocarburantes con recursos propios e reforzar o transporte eléctrico de alta tensión para exportar enerxía cara á meseta.
O BNG fai tamén referencia ao desenvolvemento sustentábel e prevé unha lexislación eólica que poña en valor os espazos da Rede Natura, unha mineira que lles outorgue capacidade decisoria aos concellos, unha do hábitat que, alén do aforro e da eficiencia enerxética, exixa máis benestar e calidade de vida nas edificacións. No eido rural, anuncia priorizar a conservación e posta en valor dos recursos naturais e da biodiversidade e, dentro do eido turístico, incluír o patrimonio cultura e natural entre os recursos a defender e promover. Refírese, tamén, á aplicación transversal da defensa ambiental en toda a acción de goberno.