Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Malia que os debates esixen "nivelación de tempos"

A Xunta Electoral admite que un criterio "ríxido" para os debates podería truncar o dereito á información

A Xunta Electoral transmítelle á CRTVG que o criterio de proporcionalidade ponderada non se aplica aos debates.

Redacción / Europa Press - 20:00 22/02/2009

A Xunta Electoral de Galicia comunicoulle á Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) que "o criterio de proporcionalidade ponderada non é aplicábel á asignación de tempos das intervencións dos debates". Así o acordou este órgano electoral nunha resolución por maioría e transmitiullo tanto ao ente autonómico coma ás formacións políticas con representación parlamentaria, PP, PSOE e BNG.

O director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, dirixírase á Xunta Electoral de Galicia debido a que para este luns está prevista a emisión de catro debates de sesenta minutos de duración correspondentes ás respectivas circunscricións, con presenza dun representante por cada unha das candidaturas con representación parlamentaria.

No plan da radio e televisión autonómicas públicas estabelécese que cada participante terá o mesmo tempo de intervención na apertura e peche dos debates, extremos que non foron recorridos polo PPdeG, a formación maioritaria. Este criterio baséase no acordo da Xunta Electoral Provincial da Coruña do 10 de maio de 2007 onde o formato se entendeu que debía responder a un criterio igualitario.

A Xunta Electoral de Galicia recorda que o artigo 66 da Lei Orgánica 5/85 do 19 de xuño do Réxime Electoral Xeral estabelece: "O respecto ao pluralismo político e social, así como a neutralidade informativa dos medios de comunicación de titularidade pública en período electoral, serán garantidos pola organización dos devanditos medios e o seu control previstos nas leis".

Non obstante, engade que este artigo "foi interpretado" por acordo da Xunta Electoral Central como o 1 de marzo de 2004, o 8 de marzo de 2004, o 26 de maio de 2005 e o 1 de xuño de 2006, polo que o principio de pluralismo político e a neutralidade informativa supoñen o respecto á proporcionalidade segundo a representación que lle corresponde a cada forza "sempre que a mesma non desnaturalice ou faga impracticábel o deseño normal e conforme ás características propias do espazo informativa a desenvolver".

Así, apunta que "a proporcionalidade entendida dun modo ríxido en determinados casos podería mesmo truncar o dereito constitucional á información mesma se da súa estrita aplicación se fai na praxe impracticábel o formato comunicativo propio de debate" e engade que "é consubstancial a todo debate a dialéctica propia de contestacións, réplicas, dúplicas que esixen unha nivelación nos tempos". Tras coñecer esta resolución a Axencia Europa Press púxose en contacto co director xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Benigno Sánchez, quen declinou realizar comentarios ao respecto.

O debate frustrado dos lideres
Hai que recordar que a TVG anulou o pasado venres o debate previsto entre os tres líderes do PP, PSOE e BNG que tiña programado, ao non estar garantida a presenza de Alberto Núñez Feijoo, que consideraba ilegal un debate a tres.

O ente rexeitou que fose así xa que recordou que as regras baixo as cales se ía desenvolver aínda non estaban pactadas. "En ausencia de regras para o desenvolvemento do frustrado debate do día 20, ninguén pode dicir que tales regras, inexistentes, non se axustaban á legalidade", apuntou nun comunicado a CRTVG, no que explicou que condicións como a repartición dos tempos de cada candidato son xeralmente estabelecidas polos propios partidos políticos e que, se non hai acordo, se definen mediante sorteo.

A compañía pública insistiu en culpar a Núñez Feijoo da anulación do debate pola súa "falta de confirmación" de asistencia e aclara que o plan de cobertura para estas eleccións estabelece só unha regra en canto aos debates, que é que os tempos de apertura e de peche serán de igual duración para todos os contendentes.

O resto de regras non chegou a ser acordado porque nunca se chegou a pechar a celebración do debate, ao non confirmar Feijoo a súa participación e a condicionar á celebración de debates bilaterais cos seus dous rivais á Presidencia da Xunta. Ese plan de cobertura foi remitido á Xunta Electoral de Galicia o pasado 5 de febreiro e non foi impugnado neste punto polo PPdeG, segundo recordou a CRTVG.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: