Nos programas volven aparecer a reforma da CRTVG ou a transparencia na relación cos medios, vellas promesas incumpridas polos tres partidos.
As acusacións de uso político da CRTVG seguen aparecendo nas primeiras planas
Contrariamente ao que sucede noutras áreas, en 'comunicación', mesmo no que se refire ao xeito de regular a relación das administracións cos medios, os tres grandes partidos galegos están de acordo. Os seus programas falan de reformar a CRTVG, de elixir un director xeral por maioría cualificada, de asegurar a transparencia informativa nos medios públicos, de crear un Consello Audiovisual Galego para asegurar que a concesión de licencias televisivas e radiofónicas sexa xusta, de controlar as axudas da Xunta aos medios de comunicación privados, de aprobar unha Lei de Publicidade Institucional... Con matices, con distintos nomes, PP, PSdeG-PSOE e BNG levan estas propostas nos seus programas. O que sucede é que estes proxectos tan ben intencionados xa figuraban nos programas de 2005, e de 2001, e de... E o que sucedeu, ao cabo, é que tanto o PP entre 1989 e 2005, como PSdeG-PSOE e BNG entre 2005 e 2009, incumpriron as súas promesas electorais.
O PP: "Acabar coa Xunta de dous gobernos"
O PP critica que "cada un dos socios do bipartito desenvolveu a súa propia política de comunicación. Unhas políticas paralelas que deterioraron a imaxe institucional da Xunta e multiplicaron a dilapidación e o gasto xeral". Os populares reclaman a aprobación dunha Lei de Publicidade e Comunicación Institucional, botándolle en cara ao bipartito que "converteron as políticas de comunicación e imaxe institucional en políticas de publicidade e propaganda exercitadas sen ningún tipo de control". Finalmente promete que, de regresar á Xunta, "a política de axudas aos medios de comunicación" terá "un soporte legal" como ocorre "na maioría dos países europeos". O PP propón reunir as competencias de Cultura e Comunicación nunha única consellaría, que se encargaría de todos os asuntos relacionados co audiovisual, ademais.
De igual xeito, a principal crítica que o PPdeG lle realiza ao bipartito en materia audiovisual é que, en palabras de Diego Calvo, "nestes catro anos houbo dous gobernos". Para os populares, iso prexudicou a eficacia na xestión e trouxo como consecuencia un aumento da burocracia e do clientelismo; "o xestor pode estar desesperado á hora de pedir axuda, e non sabe onde pedila". Polo tanto o PP aposta por agrupar as materias de audiovisual, de cultura e de comunicación nunha única consellaría.
O PP, que critica o uso político da CRTVG por parte do bipartito, propón reformar a Lei que regula o ente, comezando por modificar a fórmula de elección do director xeral, que esixen que se realice no parlamento por maioría de dous terzos. Esa mesma maioría cualificada quere que sexa necesaria para nomear novos membros do consello asesor do ente público; así mesmo, propón que participen no organismo novas entidades, como a RAG ou o Consello da Cultura, e que o numero de membros se limite a sete.
Finalmente, o PP concorda coas forzas do bipartito na necesidade de reformar a Lei da Audiovisual de 1999, e tamén propón, igual que socialistas e nacionalistas, a posta en marcha dun Consello Audiovisual de Galicia que asegure a transparencia na adxudicación de licencias radiofónicas e televisivas de emisión.
PSdeG-PSOE: Completar a implantación da TDT e favorecer as sinerxías do audiovisual e Internet
Igual cós outros dous partidos con presenza parlamentaria, os socialistas proxectan levar adiante na próxima lexislatura tanto a reforma da CRTVG como a aprobación da Lei de Publicidade Institucional que facilite a transparencia nas relacións entre o poder e os medios. No seu programa, inciden máis que PP e BNG nos aspectos ligados á tecnoloxía que deben asegurar a correcta implantación na TDT en todo o territorio galego, garantindo que nas datas establecidas para o 'apagamento analóxico' a cobertura de televisión dixital iguale, canto menos, á instalada en analóxico durante os últimos 25 anos. O PSdeG-PSOE tamén traballará para completar o mapa da radiodifusión sonora, resolvendo as zonas de sombra
Os socialistas fan fincapé na promoción de contidos de calidade para a TDT, garantindo que todas as televisións que operan en Galicia poidan acceder á produción audiovisual dos últimos vinte anos, para o que se creará un mercado virtual en Internet. De igual xeito, propoñen constituír o Arquivo Universal Dixital do Audiovisual Galego como ferramenta de conservación, difusión e posta en valor do noso patrimonio audiovisual. Entre as promesas do PSdeG-PSOE figura favorecer a presenza do audiovisual galego en Internet, e os socialistas completan o seu programa cun Plan de Apoio á Produción Independente, integrando nel todos os instrumentos públicos ou de capital mixto.
O PSdeG-PSOE sintetiza en catro puntos as necesidades do sector audiovisual que se deben atender dende a Xunta na vindeira lexislatura: A reforma da Lei do Audiovisual, de 1999, para actualizala e para garantir que as televisións que emitan dende Galiza invistan o 5% en producións audiovisuais; a xa referida reforma dos medios públicos; o apoio ao sector das industrias da imaxe, entendidas como sector estratéxico que poden xerar un moi importante valor engadido, "unha oportunidade para Galicia como país"; e, finalmente, incide na necesidade de que na Xunta exista un organismo único (ou unha mellor coordinación) no canto de que as competencias sobre audiovisual estean repartidas entre consellarías de distintos partidos. Os socialistas promoverán así mesmo a supresión do Consello Asesor do Audiovisual e a súa remuda por un Consello Superior do Audiovisual, que seguindo o modelo catalán, se ocuparía entre outras cousas de vixiar a transparencia na concesión de licencias de emisión.
BNG: Facer fincapé nas axudas aos medios polo uso do galego
O BNG amósase moi crítico no seu programa co seu socio de goberno, o PSdeG-PSOE, ao que culpa de que non se levasen a cabo as reformas prometidas para os medios de comunicación pública. Así, os nacionalistas sitúanse a medio camiño entre o goberno e a oposición e afirman que "o PSdeG-PSOE mantén unha concepción dos medios de titularidade pública non moi distante da que sostivo o Partido Popular, o que obviamente ten empecido o camiño cara á unha completa rexeneración democrática destes medios" ou por exemplo botan balóns fóra ao dicir que "os medios galegos de titularidade pública manteñen aínda certa dependencia respecto da axenda informativa, cultural e ideolóxica que se marca desde o centro da Península".
En canto á radio pública, á que critican en moita menor medida ("na Radio Galega si se ten producido un certo grao de galeguización dos seus contidos informativos, ao tempo que se ten emprestado maior atención á cultura do país"), os redactores do programa do BNG afirman que é preciso "redefinir o papel da Radio Galega Música, na actualidade un contedor de música en español e inglés que outorga á música galega un papel residual".Os nacionalistas prometen impulsar unha reforma da CRTVG nos primeiros meses da lexislatura (no programa novamente culpan ao PSdeG-PSOE de que esta reforma non chegase nestes catro anos) e comprométense a conseguir un aumento das horas de emisión en lingua galega en TVE e RNE; ademais, piden o restabelecemento de Radio 4 ou dunha frecuencia radiofónica que emita enteiramente en lingua galega.
Os nacionalistas, igual cós outros partidos, prooñen crear un Consello Superior do Audiovisual, para garantir a transparencia nas concesións, e ao tempo acusa ao PSdeG-PSOE de realizar a adxudicación das licencias locais de TDT en solitario, sen contar cos nacionalistas. O BNG afirma querer ligar calquera futuro concurso de licenzas de TV ou Radio ao cumprimento de compromisos que garantan o servizo público, nomeadamente no que atinxe ao uso da lingua galega, que claramente debe ser superior ao 50 por cento. O BNG promete ligar a concesión de axudas a uns mínimos no uso da lingua galega por parte dos medios privados, que se situará no 20 por cento nos impresos e dun 50 por cento nos audiovisuais. Ademais, os nacionalistas din que estudarán "a hipótese de conceder liñas de subvención a proxectos xornalísticos que visen a edición dun xornal diario integramente en galego" e que "nesta liña contemplaríase tamén a edición de versións en galego de xornais xa existentes no mercado".
Finalmente, o BNG concorda cos outros dous partidos en que a división das competencias relativas ao audiovisual non pode continuar e reclama que se inclúan todas elas na Consellaría de Cultura. Finalmente os nacionalistas presentan como principal con respecto aos outros dous partidos a proposta de crear un circuíto público de proxección cinematográfica paralelo aos circuítos comerciais e privados; incidiría sobre todo nos filmes que fican fóra das redes existentes, e instalaría estas salas, que serían de pago e abaratarían custes apostando pola tecnoloxía dixital, nas vilas cabeceiras de comarca.