Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A UNIÓN DE CONSUMIDORES DE GALIZA

Denuncia contra Fenosa e Begasa por eivas na facturación

Acusan ás compañías de non realizar correctamente as lecturas, de vulnerar o dereito á información e de non respectar os procedementos legais.

Redacción - 11:30 19/02/2009

Interpretar as facturas eléctricas volveuse máis complicado logo de que entrase en vigor o novo sistema de facturación mensual. A confusión é xeral entre os usuarios, segundo denuncia a Unión de Consumidores de Galiza (UCGAL), quen xa presentou unha denuncia contra Unión Fenosa e Begasa ante a Consellaría de Industria para que tome cartas no asunto. Dunha banda, os novos recibos atenden agora a un período dun mes, no canto de dous como sucedía anteriormente e doutra banda, a lectura dos contadores realízase aínda de forma bimensual, o que está a xerar unha maior confusión.

UCGAL solicita a revisión de todas as facturas emitidas nos últimos meses, así como a devolución das cantidades indebidamente cobradas e unha investigación dos procedementos seguidos polas eléctricas para facturar consumos estimados. Ademais, aseguran que as compañías denunciadas están a incumprir a lei (RD 1955/2000) xa que non notificaron aos usuarios deste cambio nin pediron o seu consentimento, ademais de que na nova facturación non se está atendendo aos consumos dos mesmos períodos do ano anterior para determinar os consumos estimados (procedemento que si debería seguirse tal e como resolveu a resolución da Dirección Xeral da Enerxía en 1988).

Así, dende a UCGAL denuncian irregularidades e falta de transparencia nestes recibos, polo que exixen á Consellaría de industria que aposte polo respecto aos dereitos dos consumidores, principalmente na actual conxuntura previa a un proceso de liberalización do sector. Igualmente, piden á Xunta a adopción de todas as medidas posíbeis para contribuír a unha maior transparencia no sector eléctrico.

Esta organización ofrece máis información sobre o novo sistema de facturación na súa páxina web, así como un modelo para presentar a pertinente reclamación.


Ligazóns

4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: