Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
COPA DA UEFA

O Dépor recúa no seu andar europeo

O Aalborg infrinxiulle un severo tres a cero ao Deportivo e deixa un panorama que só unha das noites máxicas de Riazor pode arranxar.

Redacción - 10:15 19/02/2009
Sergio loita por un balón cun xogador do Aalborg

Sergio loita por un balón cun xogador do Aalborg

O Deportivo tiña unha cita co seu pasado este mércores, xa que volvía enfrontarse ao equipo contra o que se estreou nas competicións europeas, na tempada 93-94. Nesta ocasión o partido correspondía aos dezaseisavos de final da copa da UEFA, e agora o Aalborg é o capón que chegaba despois de facer un bo papel nun difícil grupo da liga de campións, onde arrebatou a terceira posición aos escoceses do Celtic de Glasgow. Así, os daneses impuxeron o seu papel de favoritos para este partido acadando unha renda de tres a cero, demasiado longa para os deportivistas que ven agora unha eliminatoria moi difícil.

O encontro comezou frío, igual que o xélido Energi Nord Arena no que só a calefacción do céspede evitaba que o xeo o asolagara. O Deportivo planeou un partido espeso e por iso cargou o centro do seu campo con homes de corte defensivo, idea que deu un bo resultado na primeira parte. Na segunda metade cambiou ben o conto e os locais tardaron menos de 10 minutos en adiantarse no marcador, cun gol de Due despois dun grave erro de Piscu. O Aalborg medrou ao mesmo ritmo ao que se apoucaba o Dépor, que só os cinco minutos seguintes ao gol deu certa sensación de perigo. Despois volveu pecharse no seu castelo e agardar as arroutadas danesas, que non tardaron en magoalos. Due anotou o segundo gol no minuto 71 de partido e Jakobsen marcou no minuto 90 o definitivo tres a cero, despois de converter en gol un inexistente penalti, presuntamente cometido por Aranzubia.

Agora Riazor volve ser a última esperanza do Dépor, que tentará rememorar o cinco a cero co que remontaran a súa primeira eliminatoria europea, despois da derrota que sufrira na ida contra un equipo danés chamado Aalborg. Pero este Deportivo non ten a Bebeto, Claudio Barragán, Mauro Silva nin ao "neno" Fran. Tampouco ten aos Víctor, Pandiani ou Luque que zumbaron un catro a cero ao Milan de Maldini para remontar o catro a un en contra que traían de Italia. Este Dépor ten a Lafita, Riki, Verdú, Filipe e Aranzubía, que o vindeiro xoves van ter a súa primeira oportunidade de pasar a formar parte da historia do equipo coruñés.


1/5 (1 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: