O bipartito rexeitou o proxecto, que contemplaba a creación dunha nova caldeira para que Sogama queimase 250 mil toneladas máis de lixo.
O plan arquivouse en 2006
Antes da chegada ao poder do bipartito, Sogama estaba a traballar en novos proxectos para aumentar o volume de lixo incinerado. Baixo o eufemístico nome de central de biomasa, a compañía Unión Fenosa (que conta co 49% da sociedade pública) pretendía pór en funcionamento unha nova caldeira con capacidade de incinerar 250 mil toneladas de residuos (as dúas que funcionan dende 2001 poden tratar un total de 500 mil toneladas anuais).
Aos poucos días de chegar á presidencia (outubro de 2005) o propio presidente de Sogama, Xosé Álvarez, confirmaba nos medios que se estaba a traballar no proxecto dunha central de biomasa integrada no complexo medioambiental de Cerceda. A obra contaría co apoio de diferentes administracións (dende a local até a Xunta) e incluso podería ter con axudas da Unión Europea. O proxecto quedou en nada. O novo goberno non acabou de ver clara unha proposta que cualificaba tamén de biomasa os residuos urbanos.
En 2006 comezaron no interior da sociedade os primeiros pulsos entre a Xunta e Unión Fenosa. A Consellería de Medio Ambiente, tal e como estaba previsto no pacto de goberno, comezou a elaborar un novo plan de residuos. As directrices políticas eran claras e diverxentes coas ensaiadas até aquel momento. A longo prazo, o tratamento de residuos tería que tender a unha descentralización que aliviase o complexo de Cerceda (que só é quen de tratar o 50% do lixo que se produce no país). A partir de 2017, a este municipio debería chegar exclusivamente o volume de residuos que é quen de tratar a planta de Morzós (na actualidade os excedentes van directamente ao vertedoiro da Areosa)
Mais no plan do socio privado seguía a ser prioritaria a centralización do tratamento nun único municipio. Por isto, puxo enriba da mesa a apertura dunha nova caldeira, que permitiría aumentar notabelmente a produción termoeléctrica e, de xeito engadido, a explotación comercial da mesma.
Unión Fenosa podería deixarlle paso a empresas do país
A participación de Unión Fenosa na xestión dos residuos públicos pode rematar en breve. Este mesmo mes, unha información de El País apuntaba o escaso interese que tería Gas Natural en Sogama. Unha das razóns son os evidentes desencontros entre a Xunta e a compañía eléctrica á hora de deseñar o modelo de xestión do lixo.
A crise máis forte desencadeouse cando no verán de 2007 se fixo público un informe do Consello de Contas que fiscalizaba a anualidade de 2004. O documento, moi crítico coa xestión da Xunta de Fraga, tamén acusaba a Sogama de beneficiar sistematicamente nas adxudicacións a Unión Fenosa. Os contratos millonarios facían máis gorentosa a participación do socio privado no ente público.
Fontes da Xunta consultadas por Vieiros recoñecen que nos últimos meses Unión Fenosa “está menos implicada” aínda que polo de agora non houbo ningunha comunicación oficial. Hai quen apunta que empresas de capital galego estarían dispostas a mercarlle á eléctrica a súa participación en Sogama, algo que vería con bos ollos a Xunta.