Acaba de celebrarse nos Estados Unidos uns Xogos Mundiais de Inverno nos que Galiza apañou cinco ouros, dúas pratas e dous bronces.
Foto do equipo galego que se desprazou até Idaho
A pasada fin de semana celebráronse en Idaho, nos Estados Unidos de América, os campionatos mundiais de inverno organizados por Special Olympics, e até alí achegáronse sete esquiadoras e esquiadores galegos. Special Olympics é unha organización que leva 40 anos fomentando o deporte como un medio de integración para as persoas con discapacidades intelectuais.
A delegación galega compuxérona sete deportistas chegados das asociacións ASPNAIS, de Lugo; e ASPAS, de Compostela. Acadaron nove medallas repartidas en cinco de ouro, dúas de prata e dúas de bronce. Os ouros foron para Vanesa Gómez Gómez da ASPNAIS ( en dúas ocasións) ao gañar os 100 e 200 metros de esquí con raquetas, e o slálom xigante; Alejandra Belén Quintero (ASPNAIS) Corras, no superxigante; Sergio Dacal Gómez (ASPNAIS), en esquí con raquetas; e Goreti Reigosa (ASPNAIS), no xigante de slálom. As pratas foron para Laura Barreiro Loures (ASPNAIS), en esquí con raquetas; e Goreti Reigosa, no superxigante. Por último, os bronces leváronos Alejandra Belén Quintero (ASPNAIS), no slálom xigante; e o equipo de relevo 4x100 de esquí con raquetas, encabezado por Juan Carlos Sánchez (ASPAS).
40 anos traballando pola integración
A organización Special Olympics foi creada no ano 1968 por Eunice Kennedy Shiver, irmá do defunto presidente John Fitzgerald Kennedy. Eunice Kennedy crea esta organización coa idea de fomentar a práctica do deporte entre persoas con minusvalías intelectuais.
Nos seu 40 anos de historia, a creación de Eunice Kennedy converteuse nun auténtico éxito, e na actualidade trátase dun movemento recoñecido polo Comité Olímpico Internacional, con representación en máis de 170 estados e case dous millóns de deportistas tomando parte. Pero todo este progreso non sería posíbel sen o apoio de persoas desinteresadas como o medio millón de voluntarios e os miles de técnicos e simpatizantes que hoxe en día contribúen a que o lume olímpico permaneza aceso