Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PROGRAMAS EN CULTURA

O PP pide regresar ao proxecto orixinal do Gaiás

As propostas do bipartito, que presenta un programa continuista, e as dos populares difiren radicalmente.

M.S.P. - 09:30 18/02/2009

O BNG, perfecto coñecedor do departamento, presenta un programa moi detallado, no que destacan algunhas propostas, como a creación do Instituto Castelao de Lingua e Cultura Galega, "co obxectivo de promover internacionalmente a identidade, lingua e cultura de Galiza, centralizando e coordinando todas as políticas de apoio á lingua e cultura galega no exterior" e tamén do Centro Castelao, destinado a investigar, difundir e recompilar a obra e figura do político e escritor de Rianxo. De igual xeito, propón a celebración en 2010 do Ano Seoane. Destaca, igualmente, a promesa da elaboración do Plano Galego de Artes Plásticas, ausente nos programas dos outros dous partidos.

Así mesmo, cómpre salientar dous puntos do programa nacionalista en Cultura. O primeiro afirma que procurarán "un maior control da actividade programadora das entidades financeiras e fundacións culturais galegas, para garantir un nivel elevado de artistas e creadores galegos nos seus programas e actividades". Así mesmo, o BNG promete o deseño e o desenvolvemento dun programa de apoio ao asociacionismo local, provincial e galego.

O programa do PSOE
Pola súa banda, os socialistas teñen un programa moi pouco concreto, con algunhas liñas xerais e principios, e escasas propostas novidosas ou que se afasten da xestión realizada polo BNG en Cultura nestes últimos catro anos. O PSdeG-PSOE propón a creación dun Arquivo Musical de Galicia para conservar e difundir o patrimonio musical histórico e o fomento das escolas municipais de música. Nas artes escénicas, os socialistas traballarán na mellora permanente da Rede Galega de Teatros e potenciarán a a estabilidade das compañías residentes e das compañías estábeis.

As propostas do PP
O PP é moi crítico no seu programa coa xestión realizada polo bipartito, dende a Feira do Libro da Habana, o CGAC, a protección do patrimonio ou a supresión do Ballet Rey de Viana. Como medidas globais, os populares prometen crear a marca 'Cultura de Galicia', chegar a un 'Pacto polo mecenado da cultura galega' coas principais entidades financeiras, e promover o 'voluntariado cultural'. É especialmente crítico nas cuestións relativas ao patrimonio, ao que dedica un bo número de páxinas do seu programa. Propón, por exemplo, a reforma da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, a aprobación dun Plan de protección de Castelos e Fortalezas e outros plans sectoriais, e a creación de catro parques arqueolóxicos, que afirma que están paralizados polo bipartito ou que a súa execución é excesivamente lenta.

Cidade da Cultura
En canto á Cidade da Cultura, o programa do PSdeG-PSOE di apenas que "deberá ser o espazo privilexiado para a interacción en Galicia do local e o global e unha plataforma creativa dende a que fortalecer a singularidade, a diversidade e o dinamismo dunha cultura galega aberta, plural e con presenza internacional". O BNG explica a súa proposta con máis detalle, aínda que non achega nada realmente novo con respecto aos plans xa anunciados pola Consellaría de Cultura no último ano, centrándose nas previsións de abrir os dous primeiros edificios este ano, e salientando a posta en marcha do Centro IBBY de Literatura Infantil e Xuvenil e o Museo de Historia de Galiza.

O PP, en cambio, propón regresar ao proxecto que aprobou no seu momento o departamento dirixido por Pérez Varela. E así, por exemplo, promete construír o tan criticado Teatro da Ópera. Ademais, propón que o Estado Español se implique no financiamento do complexo, até un trinta por cento do gasto total, e que entre a formar parte do padroado da fundación que xestiona a Cidade da Cultura. Finalmente, na proposta do PP desaparecería a duplicidade de fundacións (unha pública e outra mixta), existentes na actualidade.

Coincidencias
Onde si coinciden os tres partidos é na necesidade de manter e potenciar a Axencia Galega das Industrias Culturais, aínda que o PP é crítico coa xestión realizada até o momento e fala de "redefinila". Tamén podemos entender que hai coincidencia en canto ao Culturgal, citado expresamente por socialistas e nacionalistas nos seus programas, e que aínda que o PP non fala del, tampouco indica que vaia mudar o seu funcionamento.

Libro e bibliotecas
No que respecta ás bibliotecas, o BNG promete a aprobación da Lei de Bibliotecas e o seu desenvolvemento, así como a posta en marcha da Biblioteca Nacional de Galiza. Os socialistas coinciden nestes obxectivos e engaden que a lei debe integrar e definir o estatuto e funcións das bibliotecas escolares. Así mesmo, propón a creación dun Consorcio galego de bibliotecas públicas. O PP, pola súa banda, propón declarar o 2010 'Ano da lectura' en Galiza, aínda que as iniciativas que levaría a cabo están moi pouco definidas e se reducen á promoción do libro a través dunha campaña nos medios públicos e á adquisición de obras para as bibliotecas.

PSOE e BNG amósanse preocupados por favorecer a promoción das traducións. Os nacionalistas, por exemplo, realizan a 'Proposta TRADU100', para a tradución de 100 obras relevantes da cultura universal ao galego e de 100 obras da cultura galega a outras linguas. E de igual xeito o programa socialista fala dun "programa de traducións ao galego de textos clásicos e contemporáneos da literatura universal".

SE CAMBIA O GOBERNO

Volvería reformularse a Cidade da Cultura, regresando o proxecto ao seu deseño inicial, incorporando, por exemplo, o polémico Teatro da Ópera. Así mesmo, as dúas fundacións que xestionan o complexo unificaríanse nun único organismo.  Así mesmo, o PP amósase moi crítico con algunhas das decisións adoptadas pola Consellaría de Cultura nesta lexislatura, como a eliminación do Ballet Rey de Viana ou a presenza de delegacións de peso en feiras internacionais do libro; porén, os populares non explican polo miudo as súas alternativas. O mesmo sucede coas críticas que dedican á xestión do CGAC, para o que non presentan un programa. Finalmente, en canto ao patrimonio, o PP propón a reforma da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, e a aprobación dun Plan de protección de Castelos e Fortalezas.

SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO

Manteránse as liñas xerais encetadas na pasada lexislatura, como os proxectos para a proxección exterior da cultura galega, ou o a continuidade no proxecto da Cidade da Cultura. Así mesmo, destaca a aprobación da Lei de Bibliotecas e do Plano Galego de Artes Plásticas. Tamén se anuncian novos proxecto, cando menos no programa do BNG, como a posta en marcha do Instituto Castelao para a proxección exterior da nosa cultura, a coordinación dende a Xunta das programacións das fundacións culturais privadas, ou a declaración do 2010 como 'Ano Seoane'.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: