Anuncia que aplicará o modelo murciano nas taxas de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados para reactivar a construción e o acceso á propiedade inmobiliaria.
O candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, asegurou este luns que, se chega a Presidente da Xunta, reducirá os impostos de transmisións patrimoniais e de actos xurídicos. Amosouse convencido de que baixar as taxas "é sinónimo de reactivación da economía".
Na conferencia de prensa que ofreceu en Vigo, Feijoo dixo que o seu Goberno baixará o tipo do imposto de transmisións patrimoniais do sete ao catro por cento e o de Actos Xurídicos Documentados do 0,75 ao 0,3 por cento para as familias numerosas e durante tres anos para persoas menores de 35. Deste xeito, pretende facilitar o acceso deses colectivos á vivenda en propiedade e reactivar a construción.
Núñez Feijoo comparou o caso galego co de Murcia, onde as cargas impositivas son menores, e asegurou que loitar contra o paro e contra a crise serán a súa "prioridade absoluta".
Feijoo mantense firme, e di que só irá ao debate televisado se hai outros dous bilaterais
Núñez Feijoo, mantivo, esta segunda feira, a mesma postura que nos últimos días respecto ao debate proposto pola Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), para que a vindeira sexta feira, 20 de febreiro, dicindo que só ha acudir á cita se, paralelamente, se gravan outros tres cara a cara bilaterais: un entre el mesmo e Quintana; outro con Touriño; e un terceiro entre Quintana e Touriño.
Ao parecer, o popular halle responder deste xeito ao director da CRTVG, Benigno Sánchez, esta segunda feira, data límite que deu de prazo para os partidos políticos confirmen ou non a súa asistencia ao debate electoral.
De todos os xeitos, e a pesar de ter el posto a condición dos outros tres debates, para acudir esta segunda feira aos estudos da Galega, Feijoo interpretou que "quen non está aceptando debater son os partidos do Goberno", e non el. Nesta liña, volveu lembrar, mais unha vez, que el xa tiña aceptado o cara a cara co líder do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, que propuxera tanto Televisión Española (TVE) como Antena 3. "Máis claro non se pode expoñer", dixo o líder popular, ao tempo que reiteraba a súa pregunta, dirixida tanto ao presidente como ao vicepresidente: se están "dispostos a debater a soas" con el.
Aínda que Feijoo volveu referir todas as súas propostas a ámbolos dous líderes dos partidos do Goberno, finalmente eludiu responsabilizarse de que haxa ou non debate, xa que "a expresión máis fiel do que está a acontecer" respecto a este asunto, ao seu xuízo, é que os socios de Goberno queren "un debate na súa televisión", e o PPdeG, tres. Acto seguido apelou á democracia para reivindicar debates "transparentes e limpos" e pediu respecto polo PP, "tendo en conta que é o partido maioritario en Galiza", lembrando que o director da CRTVG, por ser o seu un cargo designado polo Goberno, "non é quen" para estabelecer as condicións e a forma do debate electoral.