A exposición, unha proposta baseada no espazo e no volume, estará aberta até o 21 de febreiro en Santiago de Compostela.
Desde hai máis dunha década, Carlos Rial (Lage, Alemaña, 1969) aborda o seu traballo escultórico coa animosa actitude por analizar o espazo e o obxecto, elementos cos que achegarse á certeza e ao intuído. Deste xeito, para a súa última montaxe presentada na galería de arte SCQ, o artista crea distintas escenas a través dunha selección de cinco propostas a modo de peculiares accidentes dunha mesma xeografía ou espazo da percepción, unha sorte de finais abertos a preguntas e a emocións, recunchos para a conversación do que pode ser e do que está disposto na realidade.
Estes últimos traballos permiten volver sobre constantes do autor como a obsesión polo obxecto cotián e a vontade por estudar a localización das pezas, por situalas no seu particular contexto, ás veces lúdico e ambiguo, outras ocupado, sereno e modulable. Sen embargo, nesta mostra o espazo debuxase máis hermético e misterioso, ensimismado nunha narración que opera a partir da propia obra, que intensifica e rodea, modificando a percepción do espectador como é o caso das fabulosas figuras con forma de cabalo convertidas en artefactos que estrangulan a sala mediante o aire esculpido no seu corpo, preparadas para elevarse pero retidas no chan, precipitando incerteza e ambigüidade.
As obras dispóñense estratexicamente na sala, formando un itinerario harmónico, un ordenado curso que invita ao espectador a realizar un exercicio mental de conexións e illamentos "a frote", mantidos na superficie do real e do ilusorio mediante recursos formais e técnicos, que o artista exhibe poéticamente en cada solución, en cada material. Deste xeito, ademais da fibra de vidro e o aluminio, o formigón volta a ser elemento protagonista empregado como módulo e como estrutura de equilibrio: substituíndo as rodas dun Seat 600 de xeso por bloques de formigón; tamén como rotundidade física de ausencias ou ancoraxes da memoria: a peza formada por rulos de cemento que dialogan con dous balóns de xogo.
O percorrido remata nunha peza hibrida formada por tres avións dispostos sobre unha parede que conta co apoio audiovisual dunha proxección de avións en pleno voo. Unha interesante ensamblaxe visual coa rematar a visita, pensada para afondar na textura, importante territorio de estudo na traxectoria deste autor, mostrada ás veces natural e outras veces pulida até a obsesión. Neste caso, trátase dunha superficie construída, ao fin, un xogo de imaxes sempre inmerso nas pezas de Carlos Rial.