Este venres o Xacobeo Galicia disputa a primeira carreira da súa historia en territorio italiano, que durará até o domingo.
Xacobeo Galicia
O Xacobeo Galicia comeza este venres a súa participación no Giro di Grosseto, primeira carreira que o equipo dirixido por Álvaro Pino corre en territorio italiano. A proba está composta por tres etapas que discorren na rexión da Toscana. Até Italia Pino leva algúns dos corredores que teñen garantida a súa participación no vindeiro Giro d´Italia, no mes de maio, como son David Herrero, Carlos Castaño e o líder do equipo, Ezequiel Mosquera. O cadro de corredores para o Giro di Grosseto complétano Gustavo Veloso, Gonzalo Rabuñal e outros tres corredores que xa comezaron a tempada esta semana na Vuelta a Mallorca: Alejandro Paleo, Juán Mourón e Vladimir Isaychev.
Un dos directores técnicos do equipo, Xesús Blanco Vilar, afirma que o rendemento do equipo no Giro di Grosseto "é unha incógnita", porque a maioría do cadro comeza o ano nesta carreira. Ademais, outro grupo de ciclistas encabezado por David García participará dende o domingo na Vuelta a Andalucía.
Satisfeitos coa estrea
O cadro técnico do Xacobeo está satisfeito co rendemento dos corredores que participaron na primeira carreira do ano, a Vuelta a Mallorca. Os ciclistas do Xacobeo tiveron protagonismo en case todas as etapas, participando nas principais escapadas da carreira. Ao final a vitoria foi para o ciclista local Toni Colón, do equipo Katusha, sendo Pedro Hermida o mellor clasificado dos galegos ao rematar na 17ª posición a sete minutos e 23 segundos do líder.