Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Virtual pegada de carteis

O sacrificio do Camiño de Santiago inspira a Feijoo na capital do país

O candidato do PPdeG á Presidencia do Goberno apela ás raíces rurais do partido, "que soubo modernizarse para conseguir a maioría nas cidades", e que xa ve "as torres da Catedral".

F. A. - 01:30 13/02/2009
Houbo unha importante presenza de medios

Houbo unha importante presenza de medios

Os controis policiais, as chapas do Real Madrid nas solapas dos xubilados e as minigabardinas das féminas agardaban por Feijoo na céntrica Praza do Toural de Compostela pouco antes da medianoite deste venres. 'Chegou o momento' -berro de campaña e retrouso de canción popeira- do líder dos populares.

As súas primeiras palabras e os "presidente, presidente" do público misturáronse durante uns segundos cos "fóra, fóra" dun espontáneo. "Chegou o momento de Galiza, chegou o momento da democracia", vaticinou Alberto Núñez Feijoo. "Non quero a Galiza do bipartito, non quero a Galiza do PP, quero unha única Galiza completa", asegurou.

O candidato popular apelou ás raíces rurais do partido, "que soubo modernizarse para conseguir a maioría nas cidades", e pediu o voto de "todos os galegos e as galegas" para "xuntos, vencer a crise, o desemprego, o paro e a incerteza". "Podemos, claro que podemos", bramou igual que o faría o Obama en galego.

Tamén houbo momento para o místico, acorde co lugar, na virtual pegada de carteis do PPdeG, con pantalla xigante, vídeos familiares do aspirante e mosaico xuvenil ás súas costas. "Quedan 15 días; vale a pena mollarse, o frío, a dor dos pés ... Estamos chegando, xa se escoita a Berenguela e vense as torres da Catedral; vale a pena chegar limpamente", rematou Feijoo diante do cento de persoas, entre policías, xornalistas, compañeiros de partido e algúns simpatizantes, que se achegaron ao acto.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: