Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
NON PERIGA O GIRO

A UCI menospreza o Xacobeo

Non lle concedeu a tarxeta Wild Card, que lle facilitaría a participación nas voltas recollidas dentro do circuíto Pro-Tour.

Redacción - 09:00 12/02/2009
Xacobeo Galicia

Xacobeo Galicia

O Xacobeo Galicia recibiu estes días unha mala noticia, como é a súa exclusión do grupo de 13 equipos que recibiron unha licenza Wild Card. Na elite do ciclismo mundial existe un grupo chamado Pro-Tour ao que pertencen 18 equipos e algún dos máis prestixiosos eventos ciclistas do mundo. As licenzas Wild Card facilitan aos equipos que non están nesa lista de 18 participar nas probas incluídas no circuíto de carreiras Pro-Tour. Aínda así, non periga a participación do equipo que dirixe Álvaro Pino no Giro nin na Vuelta, xa que nin estas nin o Tour de Francia están dentro do circuíto Pro-Tour.

O motivo exposto pola UCI para non conceder a licenza foi o retardo nun pago que debía efectuarse o pasado 15 de decembro, malia que outros equipos que se retardaron á hora de efectuar este pagamento si que recibiron a Wild Card. O Xacobeo perde así unha condición que si tivo durante o ano 2008 e que implica como principal vantaxe maiores facilidades nas cuestións relativas aos trámites.

Pasaporte biolóxico
O pasaporte biolóxico é un compromiso que adquiren os equipos coa UCI e consiste en estar sometidos durante todo o ano a unha serie de controis médicos, estando localizábeis en todo momento por se son solicitados para someterse a algún tipo de control anti-dopaxe. O pasaporte biolóxico é o único requisito que esixen os organizadores das grandes voltas aos equipos que pretendan participar nelas, nun xesto de boa vontade coas prácticas contra a dopaxe.

O Xacobeo xa viña facendo dende fai semanas os trámites relativos á súa inclusión no programa de pasaporte biolóxico, que non é exclusivo para equipos Pro-Tour ou con licenza Wild Card. Un bo exemplo douse a pasada semana cando, antes de comezar a Volta a Mallorca, os ciclistas do equipo galego mantiveron unha reunión con representantes da UCI para que estes lles explicaran con detalle como funciona o pasaporte biolóxico.

Van recurrir a decisión
Polo tanto, non periga a participación do Xacobeo no Giro e Vuelta, que son os obxectivos principais do equipo este ano. Si que se complica a participación noutras carreiras como o Tour de Flandres, a Dauphiné Liberé, o Tour de Suiza, a Volta a Euskadi ou a Volta a Catalunya. O equipo galego tamén confirmou que ten pensado levar unha reclamación contra esta decisión ao Tribunal de Arbitraxe Deportiva.


4,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: