Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Acto na Coruña

Touriño salienta que os feitos falan contra o "catastrofismo e resignación que algúns se empeñan en publicar"

O líder do PSdeG destaca a inxección de 225 millóns na Vía Ártabra e a Terceira Rolda na cidade herculina. "Un anel de 30 km que ordenarán a accesibilidade de toda a área urbana da Coruña", subliña.

Redacción - 09:00 11/02/2009

"Isto é un canto contra o catastrofismo, a resignación e a desesperanza que algúns están empeñados en publicar e que eu como presidente da Xunta de Galicia me nego a admitir", afirmou este martes Emilio Pérez Touriño durante a súa intervención nun acto político dos socialistas n'A Coruña. "Onde algúns poñen atrancos outros facemos autovías, transporte colectivo e estamos construíndo país", expuxo. Insistiu o aspirante á reelección na presidencia da Xunta en que "o país ten todo o dereito a ter confianza e esperanza".

Nesa liña, e aproveitando a visita á cidade xunto coa conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, destacou o exemplo de "cambio" que implicará para a área metropolitana coruñesa a construción de 30 quilómetros de autovía libre de peaxe que, na súa opinión, traerán "un horizonte de progreso e de modernidade, a maior transformación en trinta anos de autonomía para esta gran área urbana". Un proxecto que, segundo debullou o líder do PsdeG, resolverá "unha carencia sen precedentes nun área que aínda vive colgada dunha avenida, Alfonso Molina, para entrar e saír da cidade". "Esta cidade estaba esperando, e eu comprendo as apelacións á urxencia", dixo Pérez Touriño, reflexionando que se trata dunha iniciativa que "chama á confianza, esperanza e mobilización e chama a crer neste país, un país que catro anos atrás abriu as portas ao cambio".

Referiuse polo miúdo Touriño á construción da Terceira Rolda, infraestrutura onde se invisten 85 millóns de euros, e que estará plenamente operativa "antes do verán de 2011". Falou ao fío do conxunto de 225 millóns de investimento na Vía Ártabra, que estará "en plena obra en 2009". "Desta forma, A Coruña poderá contar co que debeu contar xa hai anos, pero que agora pasa a ser unha realidade, que son ese gran anel de circunvalación da cidade e da área metropolitana que conforman a Vía Ártabra e esta Terceira Rolda de entrada como autovía na cidade", explicou. De paso, sinalou tamén a sinatura con 10 alcaldes da área do protocolo para o desenvolvemento do Transporte Metropolitano.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: