O voceiro nacional do Bloque, Anxo Quintana, sinala como clave para o país a inxección económica na universidade e fixa a meta de acadar os 10.000 investigadores no sistema de innovación.
O financiamento das universidades como eixo fundamental, a través dunha reforma do modelo financiador actual, foi destacado este luns por Anxo Quintana durante o encontro que mantivo con científicos e investigadores na Estación de Ciencias Mariñas das illa de Toralla, en Vigo. Subliñou Quintana a importancia de confiar na capacidade das institucións universitarias como "motor do desenvolvemento económico" de Galiza e a necesidade de estabelecer un compromiso financeiro claro desde a Xunta nese sentido.
Así, o candidato do BNG á presidencia da Xunta falou do compromiso da súa formación de duplicar os recursos destinados a esa fin e do obxectivo concreto de alcanzar os 10 mil investigadores no sistema de innovación. Falou Quintana dun sistema que garanta a converxencia coa media do Estado en termos de PIB, o que supón duplicar os recursos até os 800 millóns de euros. "Debemos facelo conxuntamente", explicou, xa que o financiamento da Universidade "non é un gasto, senón unha inversión colectiva".
De paso, comprometeuse a impulsar na próxima lexislatura un novo plan galego de I+D+i para o período 2011-2014, cunha dotación que supere os 1.000 millóns de euros. Unha iniciativa á que lle uniu a vontade de crear a chamada Axencia Galega de Innovación e Desenvolvemento Industrial. Ao fío, realizou un balance positivo das políticas despregadas polos nacionalistas durante os últimos catro anos neste eido. Asegurou Quintana que o BNG contribuíu desde o Goberno a rematar co "overbooking de bolseiros", apostando por unha "estabilidade e dignificación" do traballo dos investigadores. Tamén salientou a existencia de 17 plataformas tecnolóxicas que implican xa a 2 mil empresas.