Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
"MODELO ECOLÓXICO E ECONÓMICO DISTINTO"

Esquerda Unida busca votos na "esquerda nacionalista"

Iolanda Díaz acusa ao bipartito de continuar as políticas de Fraga e busca repetir en todo o país o ascenso obtido en Ferrol a costa do Bloque.

Redacción - 19:40 09/02/2009

Esquerda Unida busca mellorar os seus resultados nas eleccións ao Parlamento, co obxectivo de acadar un deputado, vencendo o moi esixente listón do 5%. En 2005 fíxose co algo máis de doce mil votos, a metade deles conseguidos na provincia da Coruña, circunscrición que de novo lle ofrece as mellores expectativas á coalición de esquerdas, e pola que se presenta a súa principal baza electoral, Iolanda Díaz. O impulso que lle proporciona a renovada dirección de IU no Estado, liderada agora por Cayo Lara, e sobre todo a desafección provocada polas políticas do bipartito PSdeG-BNG en moitos dos votantes de esquerdas, animan a EU a ser optimistas e a pensar nun ascenso.

Os representantes da coalición non ocultan que onde esperan gañar apoios é entre os votantes do BNG desencantados pola política exercida polos nacionalistas nos últimos anos. A propia Iolanda Díaz fixo un chamamento este luns á "esquerda nacionalista decepcionada polo bipartito", aos que ofreceu "un modelo económico e ecolóxico distinto". Esquerda Unida cre advertir un progresivo distanciamento entre os líderes do BNG e os sectores máis esquerdistas das súas bases, molestos tanto polas políticas xerais postas en práctica polos nacionalistas, que xulgan homologábeis ás do PSOE, como por actuacións concretas, ligadas sobre todo á explotación do territorio e dos recursos naturais, como as polémicas concesións eólicas, a Lei da Minaría "que nin Fraga se atrevería a presentar porque dá concesións en zonas de protección" ou o Plano Acuícola.

Esquerda Unida experimentou nas últimas municipais importantes ascensos nas zonas urbanas (en Santiago duplicou os seus apoios, na Coruña pasou do dous ao tres por cento dos votos, e en Vilagarcía creceu oito puntos, até igualar ao BNG). O mellor exemplo foi o da cidade de Ferrol, onde EU creceu cinco puntos para superar o 14% dos votos, duplicando o número de concelleiros que obtivo o BNG, que baixou do 22 ao 8 por cento dos votos. A explicación para o esfarelamento do Bloque na cidade departamental hai que buscala no seu apoio á instalación da planta regasificadora de Reganosa no interior da ría, rexeitada maioritariamente pola cidadanía. Esquerda Unida tivo daquela un papel moi activo, a través das asociacións de veciños da cidade, na organización do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Esquerda Unida tamén está moi presente nas mobilizacións da rede de colectivos Galiza non se Vende, que convocou unha manifestación o vindeiro domingo en Compostela contra as políticas do bipartito.

A coalición que lidera Iolanda Díaz centrou a súa campaña naqueles aspectos das políticas do bipartito máis criticados polos votantes máis esquerdistas do BNG, dende a continuidade do modelo produtivo e económico dos gobernos do PP, a aprobación da Lei de Sucesións, ou o Plan Sectorial de vivenda, e opón unha serie de propostas destinadas a atraer atención da esquerda nacionalista desencantada con Anxo Quintana, como a posta en marcha dun imposto ecolóxico, así como unha proposta para gravar as vivendas baleiras para impulsar o aluguer.

Pero non só iso, Esquerda Unida fai da defensa da lingua un dos eixos da súa campaña, criticando duramente a pouco ambiciosa política lingüística desenvolvida polo bipartito, e denunciando con severidade os argumentos de Galicia Bilingüe e do PP. Isto constitúe unha novidade con respecto a algunhas actitudes que nos anos setenta e oitenta tiveron algúns sectores do PCG, moi escasamente preocupados pola lingua galega. Porén, a nova xeración de militantes liderados por Iolanda Díaz parecen ter mudado a súa postura, convertendo a EU nunha forza moi próxima a Ezker Batua ou Iniciativa per Catalunya, que compite co BNG no mesmo espazo electoral.


4,43/5 (21 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: