As familias e compañías que se declararon en concurso de acredores en Galiza durante o último trimestre do ano pasado ascenderon a 185, case o triple que hai un ano.
Fadesa é unha das empresas con sede social en Galiza que se declarou en concurso de acredores
Galiza está no grupo de cabeza do Estado Español en rexistro de concursos de acredores (suspensión de pagos e crebas), segundo a Estatística de Procedemento Concursal do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicada este xoves. Segundo estes datos, no último trimestre de 2008, seguiron procedementos deste tipo un total de 185 empresas ou familias galegas. Así, ocupamos o cuarto lugar entre as comunidades autónomas con maior número de debedores concursados, despois de Catalunya (681), Comunitat Valenciana (390), Andalucía (373) e Madrid (337). A cifra supón case o triple (un 189% máis) que un ano antes, cando pasaban por esta situación un total de 64 empresas.
Segundo o tipo de concurso, 172 foron voluntarios e 13 necesarios; atendendo á clase de procedemento, os abreviados ascenderon a 63 e os voluntarios a 122. A construción e a industria foron os sectores máis afectados, xa que viron como 41 e 38 empresas respectivamente se vían na obriga de declarar suspensión de pagos ou creba. Tamén sufriu especialmente estes procedementos o sector do comercio (31 empresas), seguido dos servizos inmobiliarios (17), a agricultura e a pesca (5) e a hostalería (2).
Tamén cae a produción industrial
Doutra banda, tamén coñecemos este xoves o Índice Xeral de Produción Industrial, que descendeu un 9,6% en decembro de 2008, con respecto ao mesmo mes do ano anterior. A caída foi inferior á media estatal (que foi do 15,4%) e foi a terceira do Estado Español con mellor comportamento. Con todo, foi o seu oitavo descenso consecutivo e afectou a case todas as actividades, se ben a máis prexudicada foi a fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques (-47,9%).