A CEMMA realiza esta semana unha xuntanza de avaliación do resultado das prospeccións da costa durante o temporal. A frenética actividade das últimas semanas non seu respiro aos responsables das dúas Unidades Móbiles, a do norte con base en Ferrol e a do sur con base na Unidade de Coordinación da Rede de Varamentos de Galicia en Nigrán. Durante este tempo chegaron a actuar máis de dez persoas distribuídas en cinco equipos de voluntarios.
Na fin de semana do 24 ao 25 foron rexistrados pola CEMMA un total de 32 exemplares aos que se sumaron outros 4 durante a semana e 6 durante a fin de semana do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro, o que ofrece un total de 45 exemplares pertencentes a catro especies de cetáceos, unha especie de tartaruga mariña e un lobo mariño.
Todos eles foron comprobados e confirmados un a un. En todos os casos nos que o estado o permite, a CEMMA procede a recollida de datos e mostras biolóxicas seguindo os protocolos da Rede de Varamentos de Galicia e contando coas autorizacións pertinentes da Consellería de Medio Ambiente. Os resultados das análises que se realizaron aos animais varados nestas semanas indican que se na maior parte dos casos se trataba de exemplares que xa estaban mortos no mar, incliso en avanzado estado de descomposición, polo que morreron semanas antes do mesmo. Entre as causas de mortalidade podemos mencionar causas naturais, no caso de exemplares de avanzada ou de curta idade, e tamén captura accidental en faenas pesqueiras, é dicir, que non foi o temporal quen os matou, senón o que os trouxo para a costa.
As mostras biolóxicas recollidas nos exemplares que estaban en bo estado indican que a maior parte deles eran golfiños comúns, Delphinus delphis, en bo estado de saúde, cun adecuado peso e reservas graxas, e, polo tanto ben alimentados. Cabe destacar que os machos subadultos vararon en maior frecuencia, e tres das dezaseis femias de golfiño común que foron recollidas eran xestantes, un 19%. O tamaño dos fetos permite estimar que o período de partos sería no mes de xuño.
Temporada de lobos mariños
Xusto antes do temporal a CEMMA recolleu unha cría de lobo mariño para recuperación que evoluciona favorablemente.
A rede de varamento asturiana informou que recolleu tamén un lobo mariño e que localizou outro máis preto da desembocadura do Eo, polo que se mantén a alerta na zona. Por outra banda a Rede de varamentos de Portugal recolleu nestes días unha cría de lobo mariño para recuperación así como un golfiño común varado con vida. O responsable veterinario da CEMMA, o doutor Josep Mª Alonso Farré, desprazouse ao Centro de Recuperación do Norte de Porrtugal, en Quiaios, Aveiro, para asesorar e apoiar as labores de recuperación de ambos exemplares.
Rescate dun golfiño vivo
Na mañá do domingo recíbese unha alerta da presenza dun grupo de golfiños riscados (Stenella coeruleoalba) na Ría do Barqueiro varando dous deles, un morto e o outro vivo. A Unidade Móbil do Norte saíu de Ferrol coa preocupación da experiencia do varamento masivo de caldeiróns tropicais no mesmo lugar, no ano 1998. Unha vez recollido o golfiño foi reintroducido no mar, non con pouco esforzo, xa que houbo que realizar tres tentativas dado que o animal voltaba sempre á mesma praia. O mal estado do mar dificultou as labores de rescate.
A situación de GASPAR durante o temporal
GASPAR é un arroaz que dende decembro do ano 2007 está entre nós. A CEMMA mantén un seguimento constante do animal dende o primeiro momento e mantén informados aos equipos de seguimento francés, portugués e de todo o norte Cantábrico, tratando de previr os seus desprazamentos. Dende o mes de decembro atópase entre as provincias de A Coruña e Lugo, na Mariña Luguesa, alí segue frecuentando os portos da zona.
Un aviso do avistamento dun exemplar solitario preto de Baiona fixo pensar, durante a semana pasada, a volta do exemplar ao sur de Galicia, polo que se seu información para que a xente que o vira avisara ao teléfono SOS GALICIA 112 de emerxencais para procurar o seu seguemento. Mais, novamente foi localizado nas rías do norte unha vez pasado o temporal.
Pode facerse un seguemento no blog de Gaspar A EMBAIXADA DO MAR en: http://www.blogoteca.com/cemma/
A Rede de varamentos de Galicia e o seguemento de GASPAR
A Rede de varamentos de Galicia e o seguemento de Gaspar mantense por parte da CEMMA mediante a colaboración que a entidade, dende nai dez anos, ten coa Consellería de Medio Ambiente. A administración está puntualmente informada da situación e acontecementos.
O servizo veterinario da CEMMA, dirixido polo veterinario doutor D. Josep Mª Alonso Farré, dirixe as operacións de rescate de animais vivos e a asistencia ao lobo mariño en recuperación. O departamento de investigación da CEMMA, dirixido polo biólogo doutor D. Alfredo López Fernández, mantén actualizada a información biolóxica sobre os exemplares varados, así como da situación de GASPAR, mantendo permanentemente contacto coas redes de varamentos de cetáceos portuguesa, asturiana e francesa, cun fluído intercambio de información.
A Unidade Móbil da CEMMA mantén unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.
Agradecementos
A CEMMA quere agradecer o esforzo das Agrupacións de Protección Civil, da Policía Local e da Garda Civil dos concellos costeiros que, a pesar do estado de emerxencia, colaboraron nos avisos e asistencia dos exemplares varados, especialmente na Ría do Barqueiro, onde o rescate do golfiño varado vivo supuxo un sobreesforzo para todos.