O BNG exixe medidas para asegurar que os cartos cheguen ás empresas e ás familias e o PP fala de insolvencia do bipartito para atallar o aumento do desemprego.
Unha vez máis, os diferentes partidos políticos coinciden na diagnose do problema, non no tratamento. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, admitiu que as estatísticas do paro coñecidas este martes son "un mal dato" mais reiterou que "Galiza se está a comportar mellor". Recordou que é "a comunidade autónoma na que menos medrou o desemprego no último ano" e insistiu en que "contamos cunha economía máis equilibrada". Nesta liña, asegurou que a política do PsdeG "respondeu e responderá a estes problemas do mercado laboral con unidade, concertación e activando medidas de inversión pública, de apoio para que o crédito chegue á empresa e salvagardando a política social".
Pola súa banda, o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, lamentou as cifras de desemprego e asegurou que estas persoas hoxe paradas son "o auténtico rostro da crise". Así, exixiu ao goberno estatal que "se asegure de que as inxentes cantidades de cartos que se deron aos bancos cheguen ás familias e ás empresas". Asemade, insistiu na súa proposta de crear un instituto de crédito galego e lamentou que os parados galegos cobren unha prestación inferior á media estatal reiterando a necesidade de crear un complemento específico para as axudas aos desempregados.
Finalmente, a portavoz de Traballo do Partido Popular, Beatriz Mato, considerou que os datos do paro "demostran a insolvencia da actual Xunta para atallar a decadente situación económica polas súas medidas inconexas e baseadas na propaganda". Na mesma liña cuestionou a responsabilidade do bipartito por falar de "plus de resistencia da economía galega fronte ao drama de máis de 200 mil parados". Así, asegurou que mentres que o anterior goberno deixou unha Galiza "puxante, que creaba emprego e vía diminuír o paro, o bipartito converteuno nun país decadente, que destrúe o traballo e no que sobe o paro".