O Conselho de Ministros blindou dúas faixas perto de Braga e Valença, nas que non se poderá construír nun período de dous anos. A rede ferroviaria debería funcionar en 2013.
O Conselho de Ministros portugués resolveu estabelecer unha serie de medidas preventivas para salvagardar a futura "ligazón ferroviaria de alta velocidade do eixo Porto-Vigo", o TAV, no seu trazado entre Braga e Valença do Minho.
Aínda que os lugares polos que ha pasar realmente esta liña de TAV, proxectada para 2013, aínda non están decididos polos gobernos galego e luso, o executivo de José Sócrates decidiu blindar dúas faixas, de un quilómetro de ancho cada unha, entre Braga e Valença durante un ano -prorrogábel a outro máis-, para que a zona sexa intocábel para os construtores. As faixas estarán blindadas este tempo para garantir o período necesario para a programación e execución da ligazón ferroviaria de alta velocidade do eixo Porto-Vigo.
O TAV ten un "excepcional interese nacional e europeo"
Segundo o Conselho de Ministros portugués, o TAV constitúe un emprendemento público "de excepcional interese nacional e europeo, que liga Portugal á Rede Transeuropea de Transportes, e representa un compromiso de desenvolvemento económico, de cohesión territorial e social e de sustentabilidade ambiental do país, cuxa realización importa salvagardar".
Deste xeito, o goberno de Sócrates quere demostrar a importancia que lle outorga ao TAV que liga Portugal a Galiza, e xustifica esta medida argumentando que, no caso de non preservar esta faixa -que chega a medir 76 quilómetros, entre Braga e a raia, con numerosas construcións afectadas-, as medidas a tomar así se coñeza o trazado exacto da liña de alta velocidade, terían aínda unha repercusión maior nas vivendas proxectadas para estes terreos.
A resolución, que se deu a coñecer no Conselho de Ministros do pasado 8 de xaneiro, e entrou en vigor o día 28 dese mes, inclúe a reconstrución e ampliación das edificacións e mesmo o corte de árbores ou alteración do chan nas zonas afectadas. O trazado entre Braga e O Porto vai discorrer pola actual liña, mais o que vai de Valença a Vigo contempla dúas alternativas: unha interior cara Ponte de Lima; e unha máis achegada ao mar. Ámbalas dúas conflúen en Coura e , após unha pequena dupla opción antes da Raia, conclúen na zona leste de Valença do Miño, onde está proxectada unha nova ponte sobre o Miño, cuxo deseño sairá dun concurso internacional.