Titúlase "A realidade dos xogos e deportes populares e tradicionais nos concellos galegos", e presentarase en Compostela o vindeiro domingo 8 de febreiro.
A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, presentou esta sexta feira a xornada "Plan Estratéxico dos Xogos e Deportes Populares e Tradicionais" que se desenvolverá o vindeiro domingo 8 de febreiro no Pazo de Congresos e Exposicións, en Compostela, e na que se mostrará o estudo "A realidade dos xogos e deportes populares e tradicionais nos concellos galegos".
Souto explicou que este informe ten como obxectivo "dar a coñecer a todo o país o noso deporte tradicional, así como dinamizar e posibilitar a súa transmisión a todas e todos os galegos", ao tempo que lles agradecía a todos os clubes galegos que se implicaron neste traballo. Nesta liña, Marta Souto lembrou o "éxito" que tivo a posta en marcha da Liga Nacional de Billarda, as ligas galegas de Chave e Traíñas ou o campionato de Bolos e outras modalidades.
Do estudo, que é pioneiro en Galiza, presentaranse os datos referidos á situación dos xogos e deportes populares e tradicionais en Galiza, que se converterán, segundo o coordinador do mesmo, unha "boa ferramenta para que os axentes políticos e sociais asuman a elaboración do Plan como algo propio, de cara a garantir a súa sustentabilidade e continuidade". "É importante lograr a implicación das persoas participantes na xornada e xerar unha rede de intercambio e coñecemento, procurando a participación e implicación social das diferentes entidades públicas e privadas de Galiza", incidiu a representante da cooperativa Cidadanía que realizou o deseño do Plan Estratéxico, Rosa Muñíz.
A xornada comezará as 10:15 coa presentación das liñas estratéxicas para o fomento dos xogos e os deportes populares e tradicionais (infraestruturas e actividades de promoción) e, posteriormente, realizarase a presentación dos resultados do estudo "A realidade dos xogos e deportes populares e tradicionais nos concellos galegos".