Logo da proposta inicial da CRTVG dun debate o día 17, PSdeG e BNG están de acordo en fixar unha única cita para o 20 de febreiro.
Escenario do debate que en 2008, antes das eleccións xerais, tiveron Feijoo, Touriño e Quintana diante das cámaras da CRTVG
Non hai confirmación definitiva, pero o 20 de febreiro podería ser a data final para a participación dos candidatos das forzas políticas con representación parlamentaria nun debate diante das cámaras da televisión pública. A dirección da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), puxera na mesa a data do 17 de febreiro, pero socialistas e nacionalistas finalmente chegaron a un acordo que traslada o día até o venres 20 de febreiro.
Con todo, os populares volveron queixarse este xoves de que o PSOE "peche a porta" a un debate a dous entre Emilio Pérez Touriño e Alberto Núñez Feijoo. O vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela, declinou esta posibilidade nunha misiva enviada á sede do PP galego na que avogou por un debate a tres e celebrou que a oposición se apuntase aos debates, tras rexeitalos cando gobernaba.
O Consello de Administración do ente reunirase a próxima semana para analizar o plan de cobertura das eleccións que desenvolverán os medios de comunicación públicos de Galiza, despois de que a reunión que estaba convocada para o pasado martes tivese que suspenderse debido a que un dos conselleiros, o socialista Antonio Rodríguez, sufrise un problema de saúde. Xustamente, a consecuencia da baixa de Antonio Rodríguez, a presidencia rotatoria do Consello de Administración da CRTVG será exercida agora polo ex conselleiro do PP Xesús Pérez Varela.