O ex barón do PP lugués puxera en cuestión a elección da ex alcaldesa para o liderado da lista provincial.
"Non hai que darlle máis relevancia nin máis importancia", respondeu a ex alcaldesa de Sober, deputada no Congreso e cabeza de lista do PP ás eleccións por Lugo, Raquel Arias, estimando que estas declaracións, son soamente o "punto de vista" de Cacharro. "Eu non estou de acordo con elas, simplemente iso", resolveu.
Insistiu Raquel Arias en que na súa opinión o liderado de Núñez Feijoo no PPdeG e o de Xosé Manuel Barreiro no PP lugués son feitos "consolidados" e chamou a quitarlle importancia ás declaracións de Francisco Cacharro, quen puxera en cuestión ambas as dúas pilotaxes, incluíndo tamén a de Rajoy no PP estatal.
Arias dixo confiar en que, malia a estreita marxe que separou a PP e PSOE nas últimas citas coas urnas na circunscrición de Lugo, o PP seguirá sendo "a forza máis votada na provincia". A maiores, mostrouse convencida de que tras domingo electoral o PP volverá gobernar na Xunta. Ao fío, insistiu na solidez do PP lugués e pediu "desmitificar" e entender no seu contexto as pedras dialécticas arreboladas por Francisco Cacharro.