Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza2009

O PSOE achega lista en Pontevedra coas infraestruturas como promesa estrela

A número dous pola provincia, María Xosé Caride, asegurou que os socialistas obterán nesta circunscrición "os mellores resultados alcanzados nunca".

Redacción / EP - 09:00 29/01/2009

Os compromisos para o despregue da nova autovía Vigo-O Porriño, a autovía entre Vigo e Pontevedra libre de peaxe, a ampliación da AP-9 na Ponte de Rande, a chegada do tren de alta velocidade ou a mellora dos aeroportos, foron as promesas destacadas cara á vindeira lexislatura durante a foto de familia en Vigo da lista do PsdeG-PSOE para a provincia de Pontevedra, un acto no que faltou o número un da lista, o propio secretario xeral da formación, Emilio Pérez Touriño.

O protagonismo foi así para a segunda na lista, a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, quen falou dun proceso de cambio "imparábel" e subliñou que "Galiza é hoxe un país máis moderno ca hai catro anos". Nese sentido, opinou Caride que a provincia pontevedresa abrollou como "motor do cambio" no que vai de lexislatura e dixo confiar en que as cifras do 1 de marzo serán historicamente boas para o PSOE nesta circunscrición.

Caride fixo repaso de todos os nomes da candidatura, entre os que están a conselleira de Pesca, Carme Gallego; os deputados autonómicos Modesto Pose ou Manel Gallego; e o director do gabinete do Presidente da Xunta, Abel Losada, entre outros. Unha lista que, segundo afirmou Caride, "está composta por homes e mulleres de valía, coa mellor capacidade e disposición para traballar". Así mesmo, destacou que a candidatura combina "experiencia e xuventude".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: