"Apostamos por unha educación non ideoloxizada que fomente o esforzo e o mérito e recoñeza a autoridade do profesor", expuxo Alberto Núñez Feijoo.
Foi quenda este mércores en Vigo para a área de Educación, cuxo programa presentou o PP, subliñando a idea de que "os pais poidan elixir" sobre a educación de seus fillos. Doutra banda, destacou o líder do PP a intención do seu partido de mirar especialmente polo impulso da Formación Profesional, sinalándoa como "unha das claves para a recuperación económica" e o impulso do emprego en Galiza. Feijoo falou da necesidade dun modelo "innovador e flexíbel" que estea permanentemente adaptado ás necesidades do mercado do traballo.
Outra das propostas salientadas polos populares durante a presentación do programa foi que ao cabo da vindeira lexislatura "como mínimo a metade dos colexios sexa trilingüe". Deste xeito, o PP chama a "ampliar as horas lectivas de lingua estranxeira" desde o ensino infantil, cun mínimo de tres horas semanais de inglés. Ademais, prometen que durante o verán, as instalacións educativas existentes sexan usadas "para impulsar o ensino dos idiomas", garantindo que cando menos a terceira parte dos alumnos participen nalgunha actividade deste tipo. Nesa liña, falou Feijoo tamén da potenciación do "educador social, como profesional encargado de atender ao alumnos nos centros escolares fóra do horario lectivo".
Un terceiro destaque foi realizado no que lle toca á introdución das novas tecnoloxías no ámbito escolar, aspecto no que avaliou que o actual Goberno fracasou e onde asegurou que o PP aumentará investimentos. Con todo, a principal idea exposta ten que ver co fornecemento de máis computadores e material informático adicional, incluídas axudas específicas para garantirlles, "en función de renda e ingresos", computadores a todas as familias con alumnos en Secundaria.